O Estado recada en Galiza só a través de impostos máis de 5.683 millóns de euros

Hai un aumento nos ingresos que proceden dos impostos directos fronte a unha baixada dos indirectos.

O Estado aumentou nun 2,6 por cento a recadación que obtén en Galiza a través de impostos. Os dados achegados esta terza feira polo Instituto Galego de estatística indican que en 2012 o Estado español obtivo no noso país 5.683,2 millóns de euros, o que supón un incremento de 146 millóns a respecto do exercicio anterior, 2011. A maior parte da recadación procede dos impostos directos (3.639,5 millóns de euros), mentres que os indirectos representan 2.043 millóns, un 1,8% menos que en 2011.

Nos impostos directos houbo aumentos na recadación polo imposto de sociedades e no imposto sobre a renda dos non residentes. Nos indirectos hai unha baixada na recadación por IVE, mais aumentou a categoría de impostos especiais, así como o de taxas e outros ingresos.

Coñecer

Porén, estas non son as únicas vías de recadación do Estado. Para deitar luz sobre este aspecto, tense demandado a creación dunha comisión sobre ingresos e financiamento autonómico. A petición máis recente, en setembro, fíxoa o BNG a través dunha proposición non de lei para constituír unha comisión de estudo sobre os ingresos e financiamento autonómico. O portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, explicou daquela que segundo o informe de estratexia financeira fiscal da Xunta, as achegas ao sistema de financiamento no ano 2015 son 6.112 millóns de euros, 1.327 millóns menos que no 2008 e 1.223 menos que no 2007. “Segundo os nosos cálculos, afirmou, co novo modelo Galiza leva perdidos 8.574 millóns de euros, o equivalente ao orzamento da Xunta nun exercicio”.

Comentarios