O Estado español, agás as Illas Canarias, "territorio de risco" para o Goberno alemán

Bélxica tamén amplía as zonas que ten incluídas na súa listaxe vermella, mais Galiza zafa
Un grupo de turistas agardan polo tranvía en Soller (Mallorca). (Foto: EP).
photo_camera Un grupo de turistas agardan polo tranvía en Soller (Mallorca). (Foto: EP).

As autoridades de Alemaña concluíron que todo o territorio do Estado español, coa única excepción das Illas Canarias, é unha "zona de risco" polo aumento dos contaxios do novo coronavirus, polo que quen regrese ao país centroeuropeo, independentemente da duración da estandía, deberá someterse a unha proba e mesmo podería quedar suxeito a corentena, en función do que decidan os distintos gobernos rexionais.

Polo de agora tan só estaban dentro desa listaxe cinco comunidades autónomas: Catalunya, Aragón e Navarra -que foron incluídas a finais do mes de xullo- e desde o pasado día 10 de agosto Madrid e Euskadi.

A portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores de Alemaña, Maria Adebahr, xa avanzara a primeira hora da xornada de onte en rolda de prensa que o Executivo de Angela Merkel estaba a estudar emitir unha recomendación de non viaxar a Baleares debido ao aumento de casos de Covid-19, medida que finalmente se fixo extensíbel a moitas outras zonas, como foi o caso da Galiza.

Esta decisión do gabinete dirixido por Ánxela Merkel resulta moi prexudicial para os intereses turísticos españois, e especialmente das Illas Baleares, por ser o destino favorito da poboación do país teutón.

Bélxica tamén di "au revoir" a España

O día de onte foi negro para os intereses do turismo no Estado español, pois Bélxica tamén ampliou as zonas do territorio español que ten incluídas na súa "listaxe vermella".

Bruxelas ampliou a obriga de gardar corentena ás persoas que volvan ao país procedentes de Biscaia e Soria, zonas que se suman na "listaxe vermella" a Barcelona, Lleida e o conxunto de Navarra e Aragón

Así o recolle a última actualización das recomendacións de viaxe do Ministerio de Exteriores belga pola pandemia de coronavirus. Desta forma, os turistas que visiten estas zonas terán que entrar en corentena obrigatoria e someterse a probas  PCR ao seu regreso a territorio belga.

As autoridades federais inclúen nesta listaxe as rexións nas que a situación polo virus é complicada e ás que se recomenda non viaxar porque son destinos nos que os turistas poden atopar medidas severas de contención, incluído o confinamento.

Ademais, amplía tamén a "listaxe laranxa" de zonas ás que se recomenda gardar corentena. Nesta situación atópanse Madrid, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Baleares e Valencia, ademais de Girona, Tarragona, Áraba, Guipúscoa, Burgos, Salamanca, Segovia, Valladolid, Ciudad Real, Guadalaxara, Toledo, Almería, Córdoba e Málaga e Melilla. Polo de agora, Galiza zafa.

Comentarios