As imaxes dan a volta ao mundo e copan portadas de diarios e de telexornais. Antidisturbios da policía española cargando contra xente que pacificamente defende o seu dereito a votar. Non lle tremeu o pulso a Mariano Rajoy, que aposta na vía represiva pura e dura para intentar afogar o 1-O. Cargas policiais, porrazos, pelotas de goma, axentes destrozando portas de colexios electorais, e por volta de 844 as persoas feridas pola acción dos antidisturbios, segundo a Generalitat e Concello de Barcelona.
Sabadell, Tortossa, Barcelona, Girona, S. Julià de Ramis, Tarragona, Artesa, entre outros lugares, foron escenario destes feitos. O delegado do goberno español en Catalunya, Enric Millo, xustificou a actuación pola “pasividade” dos Mossos.
O portavoz do Govern, Josep Turull, responsabilizou o goberno español da "represión" e "violencia de Estado" propias do "franquismo", polo que pediu a demisión de Enric Millo, delegado do goberno español en Catalunya. e afirmou que a maioría dos colexios electorais están funcionando. "73% das mesas están constituídas e Catalunya está votando".
Ducias de miles de persoas fan cola para poder votar. Esa é a outra cara da xornada, a máis importante. O 1-O está vivo porque a sociedade catalá estase a mobilizar para que viva, para poder votar.