Miguel Anxo Bastos Boubeta

"O estado actual da política galega é moi estábel"

En Venhan Máis Cinco este sábado intercambiamos impresións con Miguel Anxo Bastos Boubeta, politólogo e profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela.

bastos1

-Como avalías o estado actual da política galega?

-Aínda que poida parecer tópico é moi estábel. O PP segue a dominar electoralmente como foi durante os últimos 25 anos e cunha oposición dividida e incapaz de formar una alternativa clara. 

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

-Se non hai mudanzas maiores prevexo o dominio eleitoral do PP (non ten rivais coñecidos no seu espectro político que cada vez é máis amplo). No ámbito da esquerda témome que o PSdG vai seguir a liña dos partidos socialista europeus e irá pouco a pouco perdendo forza, sendo superado por alternativas de novo tipo. En principio parece que seu espazo debería collelo a Marea, pero se o BNG xoga con habilidade a ser a alternativa ao PPdG pode selo ele perfeitamente. Organizativamente ten menos eivas que a Marea e aparenta una forza máis compacta. Pero todo isto depende das decisión que uns e outros dirixentes adopten.

Sermos fixo una aposta moi arriscada por combinar o dixital e o papel e non ten por que saírlle mal de todo

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Sermos fixo una aposta moi arriscada por combinar o dixital e o papel e non ten por que saírlle mal de todo. De momento é todo un referente na cultura do nacionalismo galego cun xornalismo de gran calidade. Pode buscar non só recoller o público nacionalista que ainda existe en Galiza, senon contribuír á formación de novos cadros e simpatizantes da causa nacionalista. Muitos dos mozos e mozas cos que teño a fortuna de tratar, aínda sendo persoas conscentes e cultivadas teñen, poucas referencias culturais e políticas, no só nacionalistas, senón inclusive galegas e este xornal pode servir polo menos para dalas a coñecer. A aposta que creo que se fai de primar a cuestión nacional sobre o discurso ideolóxico de clase paréceme moi acaída.  E máis necesario que nunca un foro que discuta en clave galega temas culturais, económicos, lingüísticos ou políticos sen atender as presións informativas ás que está máis submetida a prensa diaria. Creo que a liña que se segue merece perdurar.

Máis en POLÍTICA
Comentarios