Imprimir

Esquerra sitúase no ‘non’ a Sánchez e emprázano a dialogar

Redacción | 12 de novembro de 2019

A portavoz de ERC Marta Vilalta (Europa Press)
A portavoz de ERC Marta Vilalta (Europa Press)

A formación republicana anuncia un ‘non’ á investidura de Pedro Sánchez e dinlle que, se quere que ERC reconsidere a súa postura, debe dialogar e recoñecer que o problema en Catalunya non é interno e de convivencia, senón político e co resto de España.

A portavoz e secretaria xeral adxunta de ERC, Marta Vilalta, afirmou que a súa formación parte do 'non' á investidura de Pedro Sánchez, mais engadiu que, se o candidato de PSOE quere que Esquerra reconsidere a súa postura, ten que volver apostar polo diálogo e recoñecer que o problema en Catalunya non é interno e de convivencia, senón político e co resto de España.

«Ten que sentar e falar. Entender que aquí hai un conflito político que require dunha solución democrática e política. Se queren algo de nós téñense que sentar e falar, e, se non, non hai nada que facer», expresou Vilalta nos corredores do  Parlament, esta terza feira 12 de novembro en relación ao preacordo para a conformación dun Goberno no Estado alcanzado en PSOE e Unidas Podemos.

ERC abstívose no último debate de investidura de Sánchez, mais consideran agora que a situación cambiou e lembran que en xullo xa advertiron que no «escenario postsentencia do 1-O sería moito máis difícil».

A isto engádese que que Sánchez aplaudiu «a sentenza do Supremo contra as e os líderes independentistas, negou reiteradamente o diálogo coa Generalitat, e en campaña propuxo medidas en contra da educación en Catalunya, dos medios de comunicación cataláns e amosouse disposto a incluír no Código penal o delito de convocatoria dun referendo, ademais de novas ameazas de 155», denunciou Vilalta.

Tampouco axuda que no preacordo que presentaron esta terza Sánchez e o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, incluísen no punto nove «garantir a convivencia en Catalunya».

«O Goberno de España terá como prioridade garantir a convivencia en Catalunya e a normalización da vida política. Con ese fin, fomentarase o diálogo en Catalunya, buscando fórmulas de entendemento e encontro, sempre dentro da Constitución. Tamén se fortalecerá o Estado das autonomías para asegurar a prestación adecuada dos dereitos e servizos da súa competencia. Garantiremos a igualdade entre todos os españois», reza o punto.

A portavoz republicana explicou que non mantiveron contactos nin con membros do PSOE nin de Unidas Podemos e que non tiña constancia de que este preacordo se ía producir.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/esquerra-situase-non-sanchez-emprazano-dialogar/20191112210301086788.html


© 2020 Nós Diario