Catalunya

Esquerra e PDeCat manteñen o ‘non’ a Sánchez mais apelan ao diálogo

O soberanismo catalán ve Pedro Sánchez instalado na vía represiva e de producirse hoxe a investidura votarían en contra. Porén, Esquerra e PDeCat valoran o encontro que Torra e Sánchez mantiveron hai case un ano en Pedralbes como bo punto de partida para dialogar de cara á investidura. A CUP chama os partidos soberanistas a votaren ‘non’.

ERC e PDeCat mantéñense non ‘non’ a Sánchez mais apelan ao diálogo
photo_camera Lastra e Rufián durante o encontro, 14 de novembro (Rtve)

As 13 actas coas que Esquerra Republicana conta no Congreso son moi necesarias para Pedro Sánchez asegurarse a investidura nunha segunda votación. Adriana Lastra está a realizar en nome do PSOE unha rolda de contactos coas diferentes formacións políticas que obtiveron representación nas Cortes Xerais. Esta quinta feira, 14 de novembro, mantivo un encontro de menos dunha hora co portavoz republicano Gabriel Rufián.

Nun conciso comunicado, ERC amosouse en disposición de votar en contra na sesión de investidura e Rufián asegurou que non viu aínda «indicio algún» de que o PSOE «vaia a abandonar a vía represiva» en Catalunya. No comunicado, Esquerra insiste na aposta pola «resolución política do conflito a través dunha mesa de negociación», así como na necesidade de avanzar en materias sociais urxentes bloqueadas no Congreso e no Parlament.

Antes de producirse a reunión, o vicepresidente da Generalitat, Pere Aragonès, asegurou nesta quinta 14 de novembro que o seu partido tería como condición para absterse na investidura a convocatoria dunha mesa de negociación política para abordar o conflito catalán, sen límites nos asuntos a debater e que, por tanto, a autodeterminación fose un tema do que poder falar.

PSOE e Unidas Podemos son «as dúas únicas organizacións políticas que a nivel nacional apostan polo diálogo dentro da Constitución», afirmou Sánchez

Aragonès considerou que un bo «punto de partida» para que se produza o diálogo é a reunión que mantiveron en Pedralbes en decembre de 2018 os mandatarios español e catalán, Pedro Sánchez e Quim Torra, e na que se abriu unha vía de diálogo facilitada por unha persoa relatora. A negativa do PSOE a poder falar daquela de autodeterminación dificultou o diálogo e a filtración do «relator» remexeu a caverna, desembocando nunha manifestación ultraespañolista na madrileña Praza de Colón, onde asistiron unidos Vox, Ciudadanos e PP.

Desde Esquerra volveron incidir en que a cuestión catalá é política, retrucando así a forma en que se formula no preacordo asinado por Pablo Iglesias e Pedro Sánchez, no que falan de «un problema de convivencia».

O PDeCat tamén ve en Pedralbes un primeiro paso para a investidura

A declaración de Pedralbes de decemebro de 2018 é tamén para o PDeCat un primeiro paso para falar da investidora de Sánchez e confía no papel, xestións e decisións que desempeñe a portavoz de Junts per Catalunya no Congreso, Laura Borràs.

Desde a formación de Puigdemont, que conta con 8 deputadas e deputados no Congreso (un máis que as alcanzadas en abril) semellan ser máis tallantes que en ERC co ‘non’ a Sánchez pero amósanse en disposición de falar.

Sánchez insiste en que o diálogo se debe producir primeiro no Parlament

Pola banda española, Pedro Sánchez enfatizou esta quinta feira que o diálogo sobre Catalunya debe producirse en primeiro lugar no seo do Parlament e pediu que nel se active a mesa de partido. Retrucou así a proposta do independentismo de formar unha mesa partidos extraparlamentaria, tal e como aparecía na Declaración de Pedralbes que Sánchez e Torra subscribiran.

Sánchez afirmou ademais que PSOE e Unidas Podemos son «as dúas únicas organizacións políticas que a nivel nacional apostan polo diálogo dentro da Constitución para resolver a crise política en Catalunya».

Voces do PSC tamén valoran  voltar a Pedralbes

 Desde o PSC tamén se pronunciaron no día de hoxe sobre o avance das conversas. A presidenta da Deputación de Barcelona e unhas das persoas con maior influencia no PSC, Nuria Marín, considerou que o acordo de  Pedralbes alcanzado hai un ano entre o Goberno central e a Generalitat é un «posíbel punto de partida» para desbloquear as negociacións da investidura

«Se é un acordo en que as partes están de acordo podería ser un punto de partida sobre o que podemos avanzar cara a un acordo que permita gobernar España e impulsar as políticas que necesitamos», destacou Marín nunha entrevista en Ràdio Barcelona.

A CUP votará ‘non’ e chama todo o soberanismo a facer o mesmo

As dúas actas coas que a CUP entrou no Congreso o pasado 10-N serán un ‘non’ a Pedro Sánchez. A deputada Mireia Vehí e o deputado Albert Botran chamaron de feito esta quinta feira ao resto de formacións soberanistas con representación nas Cortes Xerais a bloquear a investidura de Sánchez e rexeitaren de maneira conxunta o preacordo alcanzado por unidas Podemos e PSOE.

En concreto, dirixíronse a BNG, JxCat, ERC, Comuns, PNV, EH Bildu e Compromís. «Non pode ser que se avale unha investidura que nega os dereitos democráticos. Non se pode dar apoio a quen nega que haxa un conflito político, a quen non faga referencia á amnistía nin á autodeterminación», afirmou Vehí.

A vindeira semana o PSOE manterá as reunións oficiais con BNG, Coalición Canaria e Nova Canarias, entre outros partidos, para falar sobre a investidura.

Comentarios