Catalunya

Esquerra consultará ás bases o seu voto na investidura

A formación republicana preguntará á militancia se está de acordo con rexeitar a investidura de Pedro Sánchez se previamente non hai un acordo para abordar o conflito político co Estado a través dunha mesa de negociación.

Adriana Lastra e Gabriel Rufián durante o encontro, 14 de novembro (Rtve)
photo_camera Adriana Lastra e Gabriel Rufián durante o encontro, 14 de novembro (Rtve)

Esquerra republicana enviou na cuarta feira un correo electrónico á militancia para informala de que o partido realizará a vindeira segunda feira unha consulta ás bases sobre se avala ou non a investidura de Pedro Sánchez sen un acordo previo para crear unha mesa de negociación. Lembran ademais que a aritmética parlamentaria das urnas deixounos nunha posición «moi relevante».

A pregunta que formularán é: «Estas de acordo con rexeitar a investidura de Pedro Sánchez se previamente non hai un acordo para abordar o conflito político co Estado a través dunha mesa de negociación?».

Barcelona aproba converter a sede da Policía Nacional nun memorial

Barcelona aprobou no día de onte unha moción de ERC para que a sede da Xefatura da Policía Nacional, situada na Vía Laietana, pase a ser un memorial da represión franquista. A proposta contou co apoio de  En Comú, PSC e Junts, frente o voto contrario de Cs, PP e o grupo de Valls. 

Após realizarse a votación, a Policía Nacional afirmou que non entra nas súas previsións abandonar o edificio. 
A proposta de Esquerra chega poucos días despois de que a Xefatura da Policía nesta rúa barcelonesa fose epicentro das protestas e de diversos incidentes debido á sentenza do procés contras as presas e presos independentistas. 

Òmnium Cultural e representantes de medio cento de entidades que pulan pola memoria histórica apoiaron a iniciativa.
Con todo, esta proposta non é nova, xa que en xuño de 2017, durante o Goberno de Mariano Raxoi, o Congreso xa aprobara que a comisaría de Policía da Vía Laietana fose museo da memoria histórica cos votos de todos os grupos excepto o PP.

Torra reúnese con Puigdemont en Waterloo

Bélxica acolleu un encontro entre Quim Torra e o seu antecesor, Carles Puigdemont, cando faltan escasos días para que teña lugar no Congreso a sesión de investidura de Pedro Sánchez. Tratouse dunha reunión privada que cadrou no tempo coa xuntanza que mantiveron membros de ERC e JxCat no Parlament para explorar unha estratexia conxunta do independentismo neste contexto.

 

 

Comentarios