A espionaxe contra o independentismo aos tribunais

Roger Torrent e Ernest Maragall sospeitan que os espiou o CNI
Roger Torrent nun pleno do Parlament. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Roger Torrent nun pleno do Parlament. (Foto: Nós Diario).

A espionaxe aos dirixentes independentistas cataláns dá unha nova volta de torca. Onte mesmo, dous dos investigados, o presidente do Parlament de Catalunya, Roger Torrent, e o portavoz de ERC no Concello de Barcelona, Ernest Maragall, acordaron presentar unha querela contra o antigo director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Félix Sanz Roldán. A decisión adoptárona unha vez que se confirmou que o CNI dispón do sistema Pegasus, un programa de control das comunicacións a través do cal se seguiu os teléfonos de significados cadros políticos de diversas organizacións nacionalistas.

Pegasus é un programa de espionaxe desenvolto pola empresa israelí NSO, cuxa venda só está autorizada aos Gobernos e ás forzas e corpos de seguridade, que posibilita controlar e ter acceso a case todo o terminal hackeado. Ao tempo, permite escoitar as conversas, acceder ao disco duro, facer capturas de pantalla, revisar o historial de navegación e activar a cámara e o micrófono do móbil.

"Está detrás o CNI"

"O CNI dispón deste sofware. Todo nos indica que está detrás o CNI", sinalou Torrent nunha entrevista na Ser, após confirmar a súa demanda contra Sanz Roldán porque “era o máximo responsábel do CNI no momento do ataque”. O dirixente nacionalista afirmou que hai “evidencias e indicios que sinalan a responsabilidade do Centro Nacional de Intelixencia” malia que a ministra de Defensa e máxima responsábel do centro, Margarita Robles, nunha conversa particular, negou as escoitas. As palabras de Robles situáronse na mesma liña das declaracións efectuadas na segunda feira pola portavoz do Goberno, María Jesús Montero.

Ernest Maragall pronunciouse nun sentido semellante a Torrent. “Estamos cargados de razón para emprender unha acción penal contra o ex director do CNI, temos todos os indicios para pensar que houbo unha actuación constitutiva de delito”, declarou Maragall ,quen indicou que “o Estado español é corrupto e delincuente”, destacando que “o incidente aumenta a desconfianza co outro interlocutor na mesa de diálogo”.

O avogado de Torrent e Maragall, Andreu Van den Eyde amosouse convencido de que se trata dun “caso de espionaxe contra o independentismo” e foi máis alá ao preguntarse se “algún xuíz do Tribunal Supremo” avalou pinchar os teléfonos de Torrent.

Comentarios