Publica a “crónica de 18 días en coma”

Esperanza e coraxe de Antón Reixa

O 27 de outubro de 2016 a vida de Antón Reixa partiu en dous. Quedou durmido mentres conducía en dirección Madrid, saíu da estrada e a violenta colisión desembocou en 18 días de coma inducido. A crónica desta experiencia, brutal e decisiva, é a materia que configura MICHIGAN/Acaso Michigan, o seu novo libro.
 

Reixa_nova
photo_camera O escritor, músico e cineasta Antón Reixa. Foto: Galipedia.

“Pensei moito na indeterminación que produce o azar nas nosas vidas”, conta Reixa (Vigo, 1957) a Sermos Galiza, “como distorsiona toda expectativa, todo plan. Que facía eu naquel lugar a aquela hora?”. Ese tema, tan propio do autor, combinado co rexistro alucinado pero realista, estrañado pero próximo, do delirio conforma MICHIGAN/Acaso Michigan, de subtítulo Crónica de 18 días en coma.

cuberta michigan acaso michigan

“Escribín esta obra porque, por primeira vez en anos, dispuña de certo tempo e dunha historia de raíz narrativa. Porque eu sempre escribín a partir do impulso poético”, explica, “e isto é algo así como o que os ingleses chaman autoficción”. Tampouco é que a literatura de Reixa -o seu libro anterior foi de poemas, Algo raro pasa raro (La Oficina, 2015)- se deteña en fronteiras xenéricas: máis ben xoga a dinamitalas. E MICHIGAN non é unha excepción.

Hai a función notarial, en que o escritor deixa constancia do sinistro e o posterior periplo médico, como nunha narración á beira do pesadelo. Hai o alento poético, por veces surrealista. “O delirio de cada un ten que ver coa propia vida de cada un”, considera, “e cada un sae do coma dunha maneira diferente”. Logo do accidente, que lle causou fracturas na tibia, peroné e óso calcáneo, nunha ducia de costelas e nunha vértebra, pasou 24 horas consciente. Até que os médicos decidiron inducirlle o coma.

“Por un intre penso que estou en Michigan, despois que me hospitalizan en Barcelona”, relata, como relata no libro. Porén, ingrésano nun centro da Coruña, onde pasa 18 días. Donald Trump, a crise do neoliberalismo, o frío, osos panda, Paul Auster. A outra realidade. MICHIGAN/Acaso Michigan viaxa pola zonas escuras da conciencia. Máis alá do medo e, con todo, extremadamente consciente da vulnerabilidade. Poética da ferida, Reixa di: “Só sei que hai certa autenticidade, e aspectos que teñen a ver coa esperanza e a coraxe”.

O outro Reixa, o poeta


O libro publícao Xerais. Antes, o mencionado Algo raro pasa raro, Leccións de cousas (La Oficina, 2011) e Látego de algas (2008) certificaran que o Antón Reixa cineasta ou o Antón Reixa músico seguían a conter o Antón Reixa escritor. “O único que hai de permanente en min é a escritura poética”, confesa, “e, porén, é o que menos se invoca cando se fala de min”.

Algo raro... e Leccións de cousas saíron en edición bilingüe. Creo que iso provocou que non pertenceran a ningún dos dous sistemas literarios”, di. MICHIGAN/Acaso Michigan [con prólogo de Chus Pato e unha correspondencia literaria entre o autor e Daniel Salgado como epílogo] está só en galego. Despois aparecerá en castelán, na editorial Círculo de Tiza”.

O novo traballo de Antón Reixa presentarase o sábado 27 de outubro na Fundación DIDAC de Santiago de Compostela. Alí exhibirase unha instalación “consistente na proxección en tres paredes do vídeo realizado por Antonio Segade”. No centro do espazo, a escultura de Francisco Leiro O Quixote esperta en Conxo. Ademais, “publícase un diario, The Michigan Daily, que recolle unha noticia dos días nos que o artista estivo en coma, outra do día en curso e un texto literario do autor”, explican desde a galería de arte.

A peza ficará no local durante 18 días. Os mesmos que Reixa pasou da outra beira do sono en 2016.

Nota: cuberta de 'MICHIGAN/Acaso Michigan'.

Comentarios