Entrevista

Espazo Negativo: "Non queriamos unha podcast convencional"

Arianda Cordal e Dani Cornes conversan sobre cultura no seu proxecto Espazo Negativo
As creadoras de espazo negativo, Ariadna Cordal e Dani Cornes
photo_camera As creadoras de espazo negativo, Ariadna Cordal e Dani Cornes

Ari e Dan falan de cousas. Coa naturalidade da conversa distendida, estas dúas graduadas de comunicación audiovisual acaban de sacar o episodio cero do que vai ser o seu podcast: Espazo Negativo. Ariadna Cordal e Dani Cornes crean un lugar para charlar sobre cultura, que promete ir medrando con elas.

De onde xorde a idea?

As dúas consumimos podcasts e gostamos do formato conversacional, non totalmente estruturado. De feito, a este primeiro capítulo chamámoslle episodio cero porque estabamos explorando o formato e queriamos ver como reaccionaba a xente. Propuxemos unha perspectiva informal, para que resultase máis atractivo e, sobre todo, accesíbel. Porén, iso non quita que poida mudar. 

Como está a ser a acollida desta entrega inicial?

A verdade é que o escoitaron bastantes máis persoas das que agardabamos. Pensabamos que habería 10 ou 20 ouvintes, mais no primeiro día xa chegamos a 50. Chegamos fóra do círculo de coñecidas, cousa que nos colleu un pouco por sorpresa. Ademais, a medida que ampliemos temática —este primeiro capítulo centrouse en filmes, mais temos ganas de tocar outro tipo de medios, como poden ser videoxogos ou música, ou entrevistas con creadoras— supoño que tamén ampliaremos audiencia.  

Teñen algún referente?

O dos referentes no mundo das podcast é complicado. En xeral, gostamos daquelas que son informativas, algo máis xornalísticas. Mais unha das razóns polas que comezamos con Espazo Negativo é que non oiramos falar de ningún outro formato semellante na Galiza ou en galego. Por iso decidimos explorar se nós seriamos capaces. 

Que frecuencia terá? Porque malia semellar unha conversa casual, imaxino que hai moita preparación detrás.

Aí está a dúbida. En principio pensamos cada dúas semanas, ou tres, porque si que leva moito tempo e preparación. De feito, fixemos unha proba na que nos desviamos moito. Non nos puxemos límites ao falar e fómonos demasiado, algo que tamén nos pasou no episodio cero. Temos moitas cousas para mellorar de cara aos seguintes. Porén, é un proxecto divertido e aprendemos moito dos comentarios que recibimos.

Por que Espazo Negativo? 

En fotografía e en artes plásticas, o espazo negativo é esa parte á que non se lle presta tanta atención, porque é o contrario ao que adoita destacar: a figura. Ademais, negativo xoga coa acepción da palabra dentro do cinema, en referencia á película. O de espazo vén de que non queriamos que fose estritamente unha podcast convencional, pois hai unha especie de estigma de que estas non se afastan do formato radio. Nós queriamos que fose máis aberto, como un espazo de diálogo no que interactuar con outra xente, incluídas as ouvintes, facilitando o contacto con elas. 

Comentarios