Opinión

España como paraíso das fundacións fascistas

O BNG denunciaba na Fiscalía a Fundación Francisco Franco por “delito de odio” despois das declaracións de Jaime Alonso, portavoz desa fundación: “Franco non fusilaba por capricho”; “Foron represaliados por algo”. Por outra parte, o BNG presentaba unha denuncia no Alto Comisionado dos Dereitos Humanos da ONU en Xenebra pedindo a devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás e a ilegalización da Fundación Francisco Franco, que fai apoloxía do fascismo.

Obxectivos da Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF)

Os estatutos da FNFF, constituída o 8 de outubro de 1976, teñen entre os seus obxectivos: “toda actividade que conduza a enaltecer a figura de Franco”, é dicir, facer apoloxía da ditadura e do fascismo. Sería posíbel en Alemaña ou Italia a existencia dunha fundación, subvencionada con cartos públicos, para defender a memoria de Hitler ou Mussolini?

O PP sempre apoiou e subvencionou á Fundación Nacional Francisco Franco

Entre os fundadores e membros do seu padroado desde a súa fundación figuran significados fascistas e fundadores de Alianza Popular (AP), despois reconvertida en Partido Popular (PP). Falanxistas como José Utrera Molina, ex ministro franquista, que fora sogro de Alberto Ruiz Gallardón, foi presidente da FNFF; José Antonio Girón de Velasco; Fernando Dancausa de Miguel (morreu en 1992), pai de Concepción Dancausa, actual Delegada do Goberno en Madrid; Dancausa foi alcalde de Burgos na ditadura de 1965 a 1973 e procurador nas Cortes franquistas; candidato ao senado por AP nas eleccións de 1977. Outros dos membros dese padroado foron ex ministros de Franco e fundadores de AP: Gonzalo Fernández de la Mora, Cruz Martínez Esteruelas, Enrique Thomas de Carranza. Borja Benítez de Lugo, senador do PP, é membro do Padroado desa Fundación.

A FNFF ten unha saneada economía e en 2015 tivo uns ingresos de case 180.000 euros: 97.605 de cuotas de afiliados e 75.372 de subvencións, doazóns e legados. Entre 2000 e 2003 recibiu 150.841 euros en subvencións do goberno de Aznar. A Familia Franco recibiu 53.713 euros da Xunta de Galicia do PP entre 2011 e 2013 para gastos de seguridade e organización das visitas do pazo de Meirás.

A Familia Franco recibiu 53.713 euros da Xunta de Galicia do PP entre 2011 e 2013 para gastos de seguridade e organización das visitas do pazo de Meirás

 

Os cartos da Fundación son empregados, entre outras actividades, para non cumprir a Lei de Memoria Histórica. Así, enviou unha carta a 355 alcaldes ofrecendo asesoramento xurídico para que non retiren os símbolos franquistas das rúas e edificios públicos. E o PP non fai nada.

A familia Franco encargou á FNFF a organización das visitas ao pazo de Meirás e xa manifestaron que aproveitarán para enaltecer a figura do ditador (“é unha excelente oportunidade para mostrar ao grande público a grandeza da figura de Francisco Franco”), é dicir, apoloxía do fascismo. O PP non fai nada para impedir esta ilegalidade e rexeitaba no Parlamento de Galicia unha proposta do BNG para que a Xunta impida que a FNFF sexa quen organice esas visitas.

A familia Franco conseguiu acumular un patrimonio que está valorado en máis de 600 millóns de euros

 

Por outra banda, a familia Franco recibiu un trato privilexiado dos sucesivos gobernos desde a morte do ditador o 20 de novembro de 1975, cousa insólita nun país democrático. A viúva recibía unha paga anual superior ao salario do Presidente do Goberno. A familia vendeu propiedades doadas a Franco como Xefe do Estado, tivo todo tipo de facilidades para especular con fincas e casas e hoxe teñen unha fortuna de más de 600 millóns de euros. Poucos días despois de morrer o ditador, o rei Juan Carlos concedía os títulos de Señorío de Meirás e Ducado de Franco, que aínda conservan.

Dirixentes do PP reciben distincións da FNFF

Esta fundación organiza todos os anos un acto de exaltación do ditador, presidido pola bandeira da ditadura, que outorga os títulos de “Caballeros e Damas de Honor” ás persoas que máis destacan na defensa da figura do ditador. Entre os premiados en anteriores edicións aparecen significados dirixentes do PP: José María Velo de Antelo, fundador do PP e vicepresidente do primeiro congreso deste partido; Jesús López Medel, deputado do PP de 1996 a 2008 etc. Na última entrega destas distincións a persoas que destacan na defensa de “la memoria del Caudillo”, celebrada en Madrid o 2 de decembro de 2016 e coa presenza de Carmen Franco Polo, filla do ditador, aparecen tres significados dirixentes do PP:

Juan Antonio Morales, deputado do PP na Asemblea de Estremadura e secretario provincial de Badaxoz, aproveitaba o acto para denunciar o que chamaba “adoutrinamento aos mozos nos centros de ensino”, que reciben “unha versión terxiversada” da ditadura.

Ana Rivelle, alcaldesa do PP de Alberche del Caudillo, defendía no seu discurso “a historia e a obra de Francisco Franco” e agradecía o apoio da Fundación Francisco Franco despois da denuncia que recibiu “por un suposto delito de incitación ao odio ao se negar a cambiar denominación do seu pobo".

Antonio Pozo, alcalde de Guadiana del Caudillo, aseguraba que “mentres estea o que vos fala, respire e sexa alcalde, ninguén borrará a historia e a imensa obra do Caudillo naquelas terras". Este alcalde négase a cumprir unha sentenza xudicial que obriga a cambiar o nome do concello en aplicación da Lei da Memoria Histórica. Tamén foi galardoada unha persoa que intentou impedir a retirada "das placas que lembran os caídos” en Herencia (Cidade Real). Rajoy no sabe nada, o PP permite este desacato á Lei e non aplica o apartado que recolle a retirada de subvencións ou axudas pública a aqueles que se negan a cumprila.

A Fundación Nacional Francisco Franco non é un feito illado, senón que existen outras fundacións dedicadas a franquistas e golpistas.

Os gobernos de Felipe González, José María Aznar e Mariano Rajoy legalizaron fundacións ultradereitistas ou fascistas: Fundación Yagüe (este xeneral foi un dos principais militares golpistas en 1936, coñecido como El carnicero de Badajoz polos crimes cometidos nesa cidade). Fundación José Antonio Primo de Rivera, fundador da Falanxe; Fundación Pro-Infancia Queipo de Llano (Gonzalo Queipo de Llano foi un auténtico criminal de guerra); Blas Piñar (fundador de Fuerza Nueva); Fundación Hijas de Millán Astray; Fundación Ramiro Ledesma Ramos (ideólogo do nacionalsindicalismo; o chamado Hogar Social de Madrid leva o seu nome); Fundación Serrano Súñer, estreito colaborador de Franco; Fundación Capitán Cortés (Santiago Cortés González, capitán da Garda Civil de Xaén, que participou na sublevación de 1936 contra a República).

As opinións e actividades destas fundacións teñen amplo eco en moitos medios de comunicación. Por outra banda, proliferan as actuacións claramente ilegais de grupos fascistas, que actúan con certa impunidade. Así, a fachada da sede do BNG da Coruña foi pintada. A exposición A forza necesaria, do deseñador Pepe Barro, centrada na historia do movemento obreiro e sindical da Coruña, aparecía con pintadas fascistas na praza da Palloza o 21 de maio de 2017. Poucos meses antes apareceron outras pintadas no Ateneo Libertario Xosé Tarrío da Coruña.

Outras fundacións de orientación claramente franquista están a tomar un gran protagonismo nos últimos meses con motivo da convocatoria do referendo en Cataluña. Así, a Fundación para la Defensa de la Nación Española (DENAES) –creada en 2006 por Santiago Abascal cando era dirixente do PP e que, posteriormente, fundou Vox– convocaba manifestacións en varias cidades o sábado 30 de setembro “ante a situación que os sediciosos golpistas están provocando en Cataluña”. Esta fundación recibiu 156.000 euros entre 2011 e 2014 cos gobernos do PP de Esperanza Aguirre e Ignacio González. Máis de 40 entidades de ultradereita apoiaban estas concentracións que contou co apoio de entidades como Fundación Valores y Sociedad, creada e dirixida por Jaime Mayor Oreja, Hazte Oir, Galicia Bilingüe, Fundación Villacisneros, que ten a Esperanza Aguirre no consello asesor, etc.

Os gobernos de Felipe González, José María Aznar e Mariano Rajoy legalizaron fundacións ultradereitistas ou fascistas

 

O PP promociona as actividades da ultradereita e os seus líderes están en primeira fila nos actos que convocan. Nalgúns casos actúan con gran violencia como na agresión no metro de Barcelona a unha persoa de orixe sudamericano ou rebentando con graves agresións a Diada do 9 d´octubre en Valencia. Neste clima de violencia, Pablo Casado, vicesecretario de Comunicación do PP ameazaba a Puigdemont se declaraba a independencia: “Se cadra o que a declare acaba como quen a declarou hai 83 anos",, referíndose a Lluís Companys, presidente da Generalitat, que en 1934 proclamaba a creación do Estado Catalán  e en 1940 foi detido, torturado e fusilado pola ditadura franquista.

Estamos ante un caso único na Europa democrática, que xa fora recollido en 2014 nun informe de Pablo Greiff, Relator Especial da ONU sobre Verdade, Xustiza, Reparación e Garantías de non Repetición. Non é un tema novo porque Compromís xa solicitara no Congreso a ilegalización da Fundación Francisco Franco e outros grupos denunciaban as vantaxes fiscais e subvencións recibidas polas fundacións franquistas. Hoxe as fundacións fascistas ou nostálxicas do franquismo son utilizadas polo PP como a punta de lanza contra a democracia e os dereitos das persoas e dos pobos, actuando en moitos casos con violencia e impunidade.