Opinión

España ante o espello

Ante a demanda histórica do pobo catalán de poder decidir libremente o seu futuro, España tiña dúas formas de abordalo: recoñecer o interlocutor como suxeito político, negociar e buscar unha saída pacífica e democrática ao conflicto (como na Escocia ou Quebec) ou humillar e reprimir (coma en Turquía ou Marrocos). Non o dubidou.

Mutilaron o Estatut aprobado polo Parlament e referendado polo pobo catalán. Prohibiron e repremiron un referendo libre e democrático. Interviron a autonomía coa aplicación do artigo 155 da CE. Condenaron ao exilio ou a prisión aos seus líderes políticos e sociais: trece anos de cadea por permitir que o pobo ao que representa se expresase libremente nas urnas; once anos de prisión por permitir un debate político nun Parlamento democrático; nove anos de cárcere por convocar unha manifestación... e así até un total de cen anos de cadea.

Esta sentenza non é un síntoma da fortaleza das estruturas do estado español. Todo o contrario. Retrata a súa debilidade e evidencia que a “unidad de España” é, tan natural, que precisa ser imposta con porras e togas. Cando non hai razóns nin vontade de convencer nin seducir, sempre chega a forza. É a historia dunha España imperial vida a menos, acomplexada cara a fóra e autoritaria e imperialista cara a dentro, que nunca renunciou voluntariamente a unha posición de dominio e privilexio.

Recorrer á forza para impor as túas ideas e reprimir o politicamente discrepante, nin é propio dunha democracia, nin é sostíbel no tempo. Cando a policía fai política, os políticos imparten xustiza e os xuíces fan de políticos é moi difícil poder acadar unha solución pactada e democrática. España só está disposta a pactar despois de perder. Por iso, chegados a este punto, ao goberno español só lle vale aumentar a represión e ao pobo catalán só lle vale gañar.

Lamentabelmente, coido que este contexto involutivo en termos democráticos, veu para ficar. Seguramente esta sentenza sexa a antesala dun proceso de intento de recentralización e de retroceso en termos de dereitos e liberdades. A reforma da lei electoral para diminuir a representación das forzas soberanistas, a modificación da lei de partidos para a ilegalización de determinadas formacións, a modificación do código penal para endurecer os castigos para quen proteste ou a limitación de dereitos básicos como os de reunión ou manifestación, están á volta da esquina. Oxalá estea trabucado. Se non o estou, que non o dubiden: terannos en fronte. Onde sempre.

Comentarios