Esnaquizan o monumento aos carrilanos asasinados polo fascismo en 1936

A placa en Campobecerros na que se lembraba e homenaxeaba a estes obreiros asasinados foi atacada. Vídeo no interior

carrilanos placa monumento
photo_camera Imaxe vía Histagra

O 20 de agosto de 1936 eran asasinados polo fascismo en Campobecerros varios carrilanos, nome que se lles daba  aos traballadores que participaban na construción da liña ferroviaria entre Ourense e Zamora. Décadas despois, en 2012, nesta localidade do concello de Castrelo do Val inaugurábase un monumento que lembraba e homenaxeaba ás vItimas daquela matanza. As vítimas eran tres carrilanos portugueses, Antonio Ribeiro, Jose María Sena e un terceiro do que só se sabe o seu nome, Ramiro.

Este monumento vén de ser atacado por descoñecidos, destrozando a placa na que se lembraba os carrilanos asasinados, informan desde o grupo de investigación Histagra, que pide que o acto de “vandalismo” non fique “impune”. 

Na noite do 20 de agosto, unha comitiva de falanxistas e garda civís irrompían nunha casa de Campobecerros que daba pensión a catro traballadores portugueses. A mediación do crego foi capaz de salvar a vida dun deles, capataz das obras no camiño de ferro. Os outros tres foron levados ao alto do Monte da Landeira, onde foron asasinados nun lugar coñecido como Lombo do Marco.

Cando o golpe franquista do 18 de xullo de 1936, os carrilanos supuxeron un dos focos de resistencia ao mesmo, facendo fronte aos fascistas con dinamita das obras do camiño de ferro e escopetas de caza. Hai cálculos que cifran en medio cento os carrilanos asasinados polo fascismo en 1936, dos cales un terzo serían portugueses.

Comentarios