CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

A Esmorga

O crítico de cinema de Sermos Galiza, Andrés Castro, achéganos o filme na data da súa estrea após a premier no Festival de cinema de Ourense.

cartaz

A ESMORGA 
Ano
: 2014
Duración: 111 min.
Nacionalidade: Galiza
Director: Ignacio Vilar
Guión: Carlos Asorey e Ignacio Vilar
Fotografía: Diego Romero Suárez-Llanos
Música: Zeltia Montes
Elenco: Miguel de Lira, Karra Elejalde, Antonio Durán ‘Morris’, Melania Cruz, Lois Soaxe, Covadonga Berdiñas, Alfonso Agra, Sabela Arán, Ledicia Sola, Monti Castiñeiras, Patxi Bisquert, Elena Seijo, Fina Calleja, Mela Casal, Amelia Guede, Santi Prego, Mónica García, Pepo Suevos, Yago López

SINOPSE
Crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras de si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran á súa perdición.

CRÍTICA
Tiven a sorte de poder asistir á estrea mundial de A Esmorga no Festival Internacional de Cinema de Ourense. Hei de recoñecer que era bastante escéptico debido, probabelmente, ao exceso de celo e defensa acérrima da película que levan facendo, sen excepción, todos os integrantes na promoción previa. Porén a realidade superou con creces ao escepticismo e expectativas. Abraiado quedei, coma o resto das mil persoas que asistiron a este fito histórico do panorama audiovisual galego. Non é a primeira vez que se leva á gran pantalla a novela de Eduardo Blanco Amor. 

En 1977, o director asturiano Gonzalo Suárez xa se achegara ao texto en Parranda, interpretada por José Sacristán, José Luis Gómez e Antonio Ferrandis. Pese a contar co propio Blanco Amor na adaptación do guión, este non quedou nada satisfeito co resultado. Película voluntariosa pero sen alma que “non lle acababa de encher” ao escritor, como lle recoñeceu nunca carta a Carlos Laíño pouco despois da estrea. No “Ano Blanco Amor”, no que se fan 35 da súa morte, Ignacio Vilar recolle a testemuña e cumpre o soño do escritor de adaptar a novela, xunto a Carlos Asorey, nun filme con “cartos nosos, actores e directores de aquí, e no noso idioma”. 

Ignacio Vilar, e o resto do elenco e equipo técnico, deixaron a pel, e quizá algo máis, para acadar esta especie de milagre cinematográfica. Para quen xa lera a novela no instituto, ou de motu propio claro, xa sabe que vai da crónica de tres borrachos que percorren as rúas de Ourense (Auria no libro) perdidiños de viño e augardente nunha noite de cuncas, cantos de taberna, risas, bágoas e sexo impreciso. 

Ignacio Vilar xa apuntaba maneiras nos seus anteriores traballos (Ilegal, Pradolongo e Vilamor) pero é que aquí da un verdadeiro salto de calidade. E non esaxero. Non sobra ningún plano nin hai improvisación. A cámara está sempre onde debe estar. Por riba hai un par de planos secuencia que son para quitarse o chapeu. Gran parte deste poderío visual débese á man do director de fotografía Diego Romero. O fotógrafo vigués tivo que emigrar ao estranxeiro para formarse e traballar (Barcelona, Filipinas, Estados Unidos…) pero volta á terriña pola porta grande. Gran traballo. 

Por suposto non podemos esquecer ao elenco de actores e actrices. Tod@s sen excepción. Mais é de recibo loubar a excelente caracterización dos tres protagonistas: O Cibrán, O Bocas e O Milhomes, vestidos por Miguel de Lira (Somos xente honrada), Karra Elejalde (Os Cronocrímenes) e Antonio Durán ‘Morris’ (Os Fenómenos), respectivamente. Se alguén pensa que Karra vai parecer algo forzado no acento galego, vai dado. Tras a primeira aparición na fraga, fai esquecer por completo o seu apelido vasco nunha xenial personificación do atordado Bocas. 

"Auguro abarrote nos cinemas porque estamos perante unha extraordinaria película en todos os aspectos"

Miguel de Lira encarna ao Cibrán, un home que se deixa embrullar con bastante facilidade e que narra os acontecementos da noite anterior, ou o que lle deixa lembrar unha resaca de campionato. Pero o rol do Milhomes é, con diferenza, o máis agradecido dos tres. Un home amoral, ciumento e de sentimentos encontrados que, iso si, semella ter máis claros que o seu eterno amigo de xolda... ‘Morris’ non desaproveita a oportunidade. Sáese da pantalla. Destacar tamén o virtuosismo no piano de Zeltia Montes na banda sonora. Poucas veces uns sinxelos toques de tecla encaixan tan ben. 

Auguro abarrote nos cinemas, non só polo feito sen precedentes de estrearse en todas as salas do territorio e pola orixinal campaña de marketing (digna de estudo), senón porque estamos ante unha extraordinaria película en todos os aspectos. Paisaxe, ambientación, clima, teima etílica, posta en escena, música, fotografía, guión, personaxes e demais detalles adaptados ate o máis mínimo detalle, fan de A Esmorga unha das mellores películas feitas en Galiza. Calidade galega. Persoalmente, tras ver esta traxicomedia quedei sen verbas. Con esa estraña sensación de ser testemuña de excepción de algo moi grande. Desas que cando remata dan gana inmediata de aplaudir. Un é consciente que acaba de ver un filme atemporal… Porén “unha cousa é vere e outra é reparare”. Reparen pois.

Comentarios