Á VENDA EN DVD

“A Esmorga”: un balance de película

Após o suceso do filme nas salas de cinema da Galiza e das que se atopan alén do país, A Esmorga chega ás casas en DVD. Falamos cos seus protagonistas sobre a acollida da película na sinatura de DVD que tivo lugar na mañá do sábado na Coruña.

ESMORGA 2

Pasadas as 12h, chegaban Miguel de Lira, Antonio Durán “Morris” e Karra Elejalde –ou, o que é o mesmo, Cibrán, Milhomes e Bocas- á cafetaría da FNAC da Coruña, onde tivo lugar a sinatura de DVD ao longo de dúas horas. Facíano, acompañados do director de A Esmorga, Ignacio Vilar, quen admitiu atoparse “gratamente sorprendido” pola acollida das presentacións do DVD en Lugo e en Noia. Na Coruña, entre risas e brincadeiras que transmiten a conexión que une os actores principais e o directores, os flashes das cámaras apenas lles deron tempo a tomarse un respiro.

Miguel de Lira: “Tivemos que profundizar, baixar á barriga do alambique, como o bagazo social que representan os personaxes, e destilar unha augardente fílmica”

En declaracións a Sermos Galiza, Miguel de Lira puxo de manifesto que con A Esmorga se “cumpriron as expectativas antes de estrearse”. “E iso que as expectativas eran  bastante altas. Sentía unha responsabilidade tan grande… a responsabilidade era maior que cando participas nun proxecto no que partes de cero e acadas o nivel X. Neste caso, partiamos da novela máis vendida da literatura galega. Todo o mundo tiña a historia na cabeza: coñecía os personaxes, as escenas…”, apunta o actor que lle deu vida a Cibrán na pantalla do cinema, “a xente tiña a historia metida no corazón e non podiamos pinchar”. E non pincharon, porque A Esmorga bateu marcas no cinema galego, ao se manter durante 15 semanas nas carteleiras e ao superar as máis de 50.000 espectadores e espectadoras só en Galiza.

Miguel de Lira salienta que os actores “tivemos que profundizar, baixar á barriga do alambique, como o bagazo social que representan os personaxes, e destilar unha augardente fílmica; volvérmonos case H2O”. “O resultado final é moi satisfactorio, sobre todo, sabendo que a película vai formar parte da historia colectiva. O filme vainos sobrepasar no tempo”, reflexiona.

Morris: “O cinema ben feito ten a capacidade de chegarlle a todo o público”

Para “Morris”, que lle deu vida a Milhomes, o balance tamén foi “súper positivo” e “sorprendente”, pois “sabía que funcionaría polos pases que fixemos, mais nunca pensei que tanta xente fose ver a película”. “O cinema ben feito ten a capacidade de chegarlle a todo o público. A Esmorga gustoulle á tendeira do meu barrio e a Ferrín”, exemplifica, “foi unha especie de milagre”. Cóntanos que, quen estes días compra o DVD, é no 70% dos casos xente que xa vira a película e que quere quedar con ela, “iso é porque cala de verdade”.

Karra Elejalde: “Puxemos en vixencia un clásico de obrigada lectura”

Karra Elejalde, Bocas, en A Esmorga, confesa que rodar a película supúxolle todo un reto, “foi unha gran responsabilidade compartir papel con dous grandes do cinema galega, Morris e Miguel”. “Tiven que aprender galego, pero non de calquera xeito, senón ben, co sotaque preciso”, explícanos o actor vasco, que aprendeu a lingua grazas a dous profesores en oito semanas. Lembra que a rodaxe foi “dura” e “pasada por auga”, “colléronnos oito cicloxéneses polo medio”. Con toda a dureza da rodaxe, declárase satisfeito e moi contento por “poñer de novo en vixencia un clásico de obrigada lectura”. “Dalgún xeito, revivimos a historia de Blanco Amor. Foi bo para Galiza”, engade.

Tamén tivemos oportunidade de conversar co director de arte da película, Ángel Amaro, que segue “moi agradecido” por todo o traballo realizado e pola implicación do director, Ignacio Vilar. “Deixounos tempo suficiente para percorrer cada recuncho da Praza Maior de Ourense e conversar con persoas que vivían alí na década dos cincuenta. Contábannos que en tal punto había unha tenda de xoguetes, que no outro había un limpabotas manco… e así foi como transformamos todo para recrear o ambiente da novela”. Para o director de arte un dos aspectos máis recordados da película é a esterqueira, “foron 3km2 de decorado e construímolo de verdade, como nas grandes producións, con camións e guindastres”.

Fala o público

Alberte foi unha das persoas que se achegaron á sinatura de DVD na Coruña, “paréceme un bo retrato do libro”. Fotógrafo de profesión salienta o traballo de fotografía do filme: “gustoume particularmente, como a interpretación do reparto”.

Manuela, pola súa banda, destaca que a película se “adapta moi ben á novela. Gustoume moito polos escenarios tan ben recreados e pola interpretación”.

Comentarios