Opinión

Ese medo a aprender...

Teño un amigo que debuxa dameiros. Eu, que son dada a buscar respostas, trato de adiviñar as definicións que lle quedan sen cubrir nos espazos en negro e encetar as palabras que completan a historia dese mapa de liñas rectas cheo de imprecisións. Ás veces agarimo os espazos coas puntas dos dedos e sinto a necesidade de llos levar, coma quen leva un caderno á mesa daquela profesora que corrixía sempre con boli vermello e con "bes" revirados e barrocos as divisións entre dúas cifras, e dicirlle... Píntasme un dameiro? Eu non son un neno vestido cunha casaca azul e non sabería coidar dun año. Nin sequera sei coidar dunha roseira, e médranme os baobabs, non teño remedio. Por iso, eu pido que me pinte un dameiro. Ou uns binoculares. En realidade, o que quero é que me explique o mundo.

Pintar deberiamos saber todos, todas pintamos de pequenas. Non dicimos que non somos quen de cociñar, pero dicimos que non somos quen de pintar, ou de facer logaritmos, ou de ler poesía. Houbo algún momento no que alguén que non quería que aprendésemos que todas as caixas con buratos conteñen centos de misterios, nos convenceu tamén de que xa non precisabamos aprender máis. Ou de que o saber había que organizalo en cofres etiquetados para recoñecer cales non abrir nunca, nunca endexamais, por se ao lles levantar a tapa nin sequera quedase a esperanza.

A verdade é que eu non sei que pensaría Napier de todo isto. O pobre o único que fixo foi crear un sistema logarítmico que alén de dar moitos problemas nas aulas dos institutos, é quen de resolver ecuacións bastante complicadas, incluso límites. Porén, ninguén quere ser amigo de Napier. Imaxinade, seis letras, matemático responsable dos suspensos da terceira avaliación... Nada. En branco. Seis letras, aquel que fixo que o infinito converxese a un número. Aquí, moitas de nós, diriamos Napier. Outras falarían de poesía. E ambas terían razón.

Lembrades o día no que os triángulos entraron nunha circunferencia? Eu si. Era con esa profesora que vos dixen antes, a dos "bes" vermellos. Debuxamos un triángulo, un calquera, e ela pasou media vida explicando como facer as mediatrices. Había que medir o punto medio do lado do triángulo e trazar a través del unha perpendicular. A primeira vez non pasou nada. Coa segunda observamos que se cruzaba nun punto dentro daquel triángulo bastante isósceles que todas debuxaramos. A terceira... A terceira encontrábase coas outras dúas, no mesmo punto! As nenas de primaria sorpréndense ante a inmensidade deste fenómeno que parece casual. E bailan ante a emoción de saber que non é froito dunha vez, que sempre acontece. Unha certeza. Unha verdade como a delicia do bocadillo de nocilla da merenda. Pura poesía. Pero iso non é todo, porque ese punto é o centro da circunferencia que envolve ao triángulo e pasa por todos os seus vértices. Non vos impresiona porque alguén vos convenceu de que non sabedes debuxar, ou que non hai literatura nas matemáticas.

Por sorte, de adultas atopamos camiños que nos desafían. Autoras e autores que pasaron polas páxinas da historia das letras inscribindo triángulos en circunferencias, falando dos números perfectos en carruseis, enunciando as virtudes da estrela polar ou das neuronas. Mulleres e homes que se atreven non só a rachar coas etiquetas do saber senón a ofrecernos os contidos a todas e todos, a través da memoria ou a través da verba escrita. Tamén a través de faragullas de pan virtual recollidas no espazo didáctico da AELG. Velaí o que quedou, o que deixaron as voces de Fernández Paz, DoCampo, Luz Pozo... e o que vén, todas e todos vós que hoxe escribides coa certeza de que sodes río e non ides tolerar ser encamiñadas. As que creades sabendo que se fai cun propósito de interpretación da realidade e da didáctica.

As que aprendedes. As que aprendemos. As que navegamos. As que entendemos que un punto é o lugar onde se cruzan infinitas rectas, infinitos camiños, e que os límites non teñen sentido nesta realidade crítica.

As que cremos no ensino a través da lectura e o pensamento sen etiquetas, como un dameiro en branco ateigado de posibles.             

Comentarios