“O escudo non se mancha”: convocan concentración contra o acto do PP na sede do Celta

A través das redes sociais, chaman a se concentrar diante da sede do Celta esta quinta feira ás 18 horas, coincidindo co acto de Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo a prol da unidade de España.

Balaidos antes da pandemia (Nós Diario).

“O escudo non se mancha, Fóra PP da nosa sede”. Con esta proclama de orde estase a convocar a través das redes sociais unha concentración para protestar contra o acto que o Partido Popular celebrará esta quinta feira nun salón da sede do Celta para defender a unidade de España. Un acto no que estarán presentes Núñez Feixoo e Pablo Casado e que xerou un forte malestar e indignación entre afeccionados e afeccionadas celestes.

Peñas como Celtarras chaman a se concentrar esta quinta feira ás 18 horas diante da sede do RC Celta. O inicio do acto está previsto para as 18.45. “Após anos criminalizando a afección, acusándoa de politizar o fútbol para o seu beneficio económico a través de sancións e prohibicións, agora o Celta, mostra a súa cara dándolle espazo a un partido político sede”, critica este colectivo. Unhas críticas que son partilladas desde peñas como o Colectivo Nós (“Que pensarían hoxe os fundadores galeguistas do #Celta no 1923 se visen que na sede que se dí de todos acolle unha charla sobre a unidade do estado español?”) ou Tropas de Breogán (“A colaboración ou cesión de espazos comúns a un partido político alleo ao celtismo e á nosa idiosincrasia supón un golpe á unidade e unha traizón aos nosos valores e historia”), entre outras.

A noticia de que un salón da sede do RC Celta vai acoller esta quinta feira, 14 de febreiro, un acto do PP no que participarán o presidente do partido español Pablo Casado e o presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo para defender “a unidade de España”; inzou as redes sociais de protestos e queixas. "Vergoña”, “noxo”, “danme ganas de darme de baixa como socio”,lamentábel”, “patético”… Estes eran apenas algúns exemplos da manchea de opinións e críticas de afeccionadas e afeccionados celtistas.

Outras voces, como a de Miguel Fidalgo, senador e concelleiro do PP en Vigo, xustificaban o proceder do club indicando que o salón que vai acoller o acto é “un espazo privado que alugan ao PP como a calquera”. Unhas explicación que non convencían un bo número de seareiras e afeccionadas que mantiñan que ligar a imaxe dun club como o Celta ao PP non podía ter xustificación.


 

Comentarios