Suso de Toro pecha a iniciativa Tac tac tac

Escribir a máquina para corrixir o mundo

O acto físico da escritura é o máis oposto que existe ao espectáculo. Non hai nada que observar, non hai ningunha razón para o entretemento, non existe dimensión escénica. Unha persoa en silencio desliza a pluma sobre o papel, preme nun computador. Ou, como na acción Tac tac tac comisariada por Suso de Toro na libraría Numax de Compostela, interrompe a quietude co ruído analóxico dunha máquina de escribir.  
 

IMG-20170921-WA0001
photo_camera O escritor Suso de Toro no trinque da libraría Numax. Foto: Numax

A solitaria, ensumida acción de fabricar literatura, converteuse, durante xornadas alternas ao longo de oito meses, nunha actuación pública. E con público. "Interesábame reflexionar sobre o proceso de escribir, pero sobre o proceso mecánico de escribir, algo físico nun mundo que tende ao virtual. É unha corrección do mundo", contaba De Toro a pasada terza feira, mentres mecanografaba no trinque de Numax a derradeira carta de Walter Benjamin. A que enderezou ao seu fillo en Port Bou antes de morrer.

Pero esa carta non existiu. Inventouna De Toro para construír un relato á vista dunha audiencia composta por compañeiros de xeración biolóxica e rapazada. E maioría de mulleres, entre elas Susana S. Arins, unha das participantes. "Coa idea de Tac tac tac quería dialogar con Walter Benjamin, co seu ensaio A obra de arte na época da reprodutibilidade técnica e o concepto de aura", esténdese. Devolver a escrita ás marxes da industria, "a alegría de facer algo que non se pode vender". Xusto nun intre en que o autor de Polaroid (1987) recapitulaba intimamente sobre a súa traxectoria.

"Despois daquela parada tan enérxica e decidida que fixera, collín distancia. Revisei o modelo de escritor que eu mesmo fora construíndo", relata a Sermos. Hai sete anos, Suso de Toro anunciou que abandonaba a literatura, a súa condición de escritor profesional, e regresaba ao ensino. "Pasei anos sen escribir", afirma. Si artigos e intervencións xornalísticas. "Pero iso non é escribir, non ten nada que ver coa literatura. É o tempo histórico que me arrastra". Mais a súa primeira novela desde a autoficción -"case unha oración, un réquiem", describiuna no seu día- de Sete palabras (2009) publicarase nuns meses.

Suso de Toro en Numax

Tac tac tac contribuíu a esa reflexión sobre o seu camiño de retorno á literatura. "Separeime da escrita profesional inscrita nun marco industrial", di, "e agora, ao escribir a máquina, entraba na idea de empobrecemento deliberado. Unida ao xogo de ironía e distanciamento, claro". Contra o ton serio, con certa solemnidade, do tramo último da súa obra -Home sen nome (2006) ou a mencionada Sete palabras-, volvía o De Toro lúdico, con humor non tan salvaxe como en Polaroid, pero si disposto a facer da literatura un taboleiro do azar e a reviravolta do sorriso.

Oito autoras e autores prestáronse a redactar un conto á vista do público. Amais de Arins e De Toro, Margarita Ledo, Manuel Rivas, Xabier P. Docampo, Marina Mayoral, Pedro Feijoo e Xavier Queipo elaboraron as súas ficcións coa máquina de escribir. "Como un ferreiro que, no seu taller, fai o encargo diante da xente", insiste na metáfora sobre o materialismo da literatura que se atopa ao fondo da iniciativa Tac tac tac.

O relato co que Suso de Toro pechou oito meses de performances a pasada terza feira é unha boneca rusa. A carta de despedida para o seu fillo que Benjamin nunca escribiu -"está en alemán, partindo de que eu non sei alemán", expuxo á audiencia- busca o seu destinatario a través dun preso republicano en Cuelgamuros, hoxe Valle de los Caídos. "A historia é un muíño e eu vou ser moído por ela", remata o presunto Benjamin o seu escrito.

Pero a De Toro preocúpalle máis a dimensión íntima da medianoite do século en que o filósofo desapareceu que o espírito da historia. "Cando Benjamin morre, leva unha maleta co manuscrito das Teses sobre o concepto de historia", explicou, "sempre me preguntei para quen foran os seus últimos pensamentos, se para a posteridade da súa obra ou para o seu fillo". Nese dilema fundamental entre a arte e a vida pérdese pé. O pequeno opúsculo Humildar (2017), engade, "foi un intento de distinguir que é o importante. Valoro máis a experiencia que o discurso".

Porque, de feito, a experiencia de escribir é o que definiu Tac tac tac. "Reivindicamos a modestia, a fraxilidade, o delicado", asegurou ao despedila, "a elaboración do sólido sen a reprodutibilidade de Internet". Unha sorte de inversión entre o aparente mundo desencantado da mercadoría e o elemento sagrado das artes. A marcha atrás que o levou do computador actual -o Mackintosh, o procesador de textos- á pequena máquina Underwood que paseou pola libraría Numax e coa que escribira Caixón desastre (1983), Polaroid (1986), Land Rover (1988) e Ambulancia (1990).

"Como Cioran, considero que o labor do artista é ser un reaccionario. E eu son un reaccionario", remata divertido. Nin sequera a súa intensa actividade nas redes sociais -"son un vicio e teño que deixalo", confesa- o afasta desa disconformidade cos tempos que corren, desa incomodidade existencial tan presente nos seus mellores libros. A que o levou a argallar o singular Tac tac tac a partir do seu diálogo co máis radical e atormentado dos pensadores da Escola de Frankfurt.

Foto no meio do texto: O escritor Suso de Toro, na libraría Numax de Santiago de Compostela.

Comentarios