O escollido é Rubén de la Barrera

O Real Club Deportivo da Coruña confirmou no serán de onte o nome do home que substituirá Fernando Vázquez no banco branquiazul: Rubén de la Barrera.  

De la Barrera, durante unha rolda de prensa como adestrador do Al Ahli de Qatar, posto que ocupou 11 meses entre 2018 e 2019.(Foto: Nós Diario).
photo_camera De la Barrera, durante unha rolda de prensa como adestrador do Al Ahli de Qatar, posto que ocupou 11 meses entre 2018 e 2019.(Foto: Nós Diario).

Radical golpe de temón nese barco á deriva que é o Dépor. A veteranía de Fernando Vázquez (66 anos) deixa paso á xuventude dun Rubén de la Barrera, que celebrará na vindeira semana o seu 36 aniversario. E que mellor regalo que dirixir o conxunto da súa cidade, converténdose así no primeiro coruñés que exerce como primeiro adestrador deportivista desde José Manuel Corral, que ocupou a vacante deixada polo brasileiro Carlos Alberto Silva na sexta xornada e até o final de Liga na convulsa tempada 97/98. 

A pesar da súa idade -será o adestrador máis novo do Dépor nos últimos 45 anos-, leva desde os 25 dirixindo equipos en solitario, concretamente desde que se fixo coas rendas do Villaralbo de Zamora, equipo que por aquel entón militaba na Terceira División de Castela e León. 

O seu bo desempeño co conxunto zamorano levouno a facerse un nome por esas terras, abríndolle as portas do Guijuelo -en dúas etapas diferentes- e do filial do Real Valladolid. Pero cando realmente Rubén de la Barrera comezou a coller sona no mundo do fútbol foi polo seu bo facer no bienio que estivo á fronte da Cultural y Deportiva Leonesa (2016/18).

Alí, cun fútbol alegre e moderno por bandeira, fixo dun equipo  que a campaña anterior fora o sétimo clasificado do Grupo I da Segunda División B o campión da categoría de bronce, logrando ademais o ascenso a Segunda, que a entidade leonesa levaba sen pisar desde 1975.

Ese é o maior aval dun técnico que, logo dun dramático descenso no último partido na seguinte campaña, abandonou León para exercer como axudante de Garitano na Real Sociedade e, posteriormente, iniciar dúas aventuras tan exóticas como breves no Al Alhi catarí e o Viitorul rumano.

Agora asume a responsabilidade de adaptar á súa idea do deporte un cadro de xogadores conformado con base nunha concepción do fútbol moi afastada da súa, pero se algo demostra a traxectoria vital de Rubén de la Barrera é que non lle asustan os retos, senón todo o contrario.

Comentarios