Escoitando o fútbol cos ollos da alma

A loita persoal de Jesús Suárez, un seareiro cunha enfermidade visual dexenerativa que lle impediu gozar do fútbol ao vivo foi o xérmolo de Escoita, un sistema tecnolóxico pioneiro no Estado español que permite ás persoas invidentes seguir os partidos grazas á narración dun equipo de profesionais.  
Escoita
photo_camera Estampa de Álex Varela, Jacobo Castro e Gómez Longo durante a primeira transmisión de 'Escoita'. (Foto: Alfonso Hermida)

Cando de plasmar en palabras o que é un inquebrantábel amor polo fútbol se trata, adóitase recorrer a unha fonte ineludíbel: Bill Shankly.O técnico que saíu das profundidades das minas de carbón de Glenbuck para edificar o Liverpool que cambiou a forma de entender o deporte nos anos 60 é o autor da indelébel "algúns cren que o fútbol é só unha cuestión de vida ou morte, pero é algo moito máis importante que iso".

Mais se unha sentenza de Shankly simboliza o que é esa  paixón que trascende fronteiras -incluso as da vida e da morte- é aquela de "ningunha enfermidade me afastaría deste partido. Se estivese morto, faría que sacasen a caixa, a puxesen nas bancadas e fixesen un buraco na tapa".

A case 40 anos do seu pasamento e máis de 1.000 quilómetros do lugar da súa morte, o espírito guerreiro e inconformista daquela sentenza ben parece guiar as accións dun seareiro do Dépor que perdeu a vista logo dunha enfermidade visual dexenerativa que lle obrigou a renunciar ao fútbol ao vivo após unha data que nin el nin ningún deportivista endexamais esquecerá: o 4 de maio de 2004.

Aquel día os branquiazuis quedaron eliminados en semifinais da Liga de Campións ante o Porto de Mourinho, e foi a última vez que Jesús Suárez acudiu á súa localidade no estadio de Riazor. A súa vista dicía "basta".

Foron necesarios practicamente tres lustros de distancia para que volvese poñer un pé na casa do deportivismo, pero todo cambiara. Non foi quen de gozar da que fora a súa gran paixón sen o sentido da vista, e comprobou de primeira man que as radios comerciais, condicionadas no fondo e nas formas das súas retransmisións deportivas pola publicidade, "non contribúen" a mellorar a experiencia do fútbol ao vivo nin a el nin ao resto da xente con problemas visuais.

Por iso se decidiu a artellar un proxecto que viu a luz o pasado domingo no Dépor-Las Palmas que se celebrou en Riazor. Após dous anos de loita "debutou" Escoita, unha ferramenta tecnolóxica que mediante un sistema de dispositivos PMR e a narración de dous locutores de audio permite derrubar as barreiras que separan Jesús, e outros moitos como el, do seu "dereito a gozar dun evento deportivo".

"No estadio hai un emisor, que emite en baixa frecuencia a un receptor similar ao clásico walkie talkie, que vai conectado a un casco que ten un só auricular, porque queremos que as persoas usuarias utilizen a outra orella para imbuírse do son ambiente", apostila para Nós Diario o promotor da iniciativa.

Suárez aclara que "non é necesario ser cego total" para gozar da iniciativa, e exemplifícao co caso de Pedro, "un neno que ten algunhas dificultades e para o que este sistema é un reforzo e un apoio".

 O uso dos aparatos é gratuíto e para acceder a eles hai que comunicalo enviando unha petición por vía electrónica ao enderezo [email protected], a través do que se xestionará a entrega e recollida de dispositivos antes e despois dos partidos.

Un proxecto altruísta que implica entes públicos, voluntarias e xornalistas.

Jacobo Castro Taibo foi, xunto con Miguel Gómez Longo, o encargado de narrar o encontro que inaugurou Escoita. O xornalista revela a Nós Diario que había "nervios" antes do comezo, pero que "todo saíu perfecto". "O noso traballo difire do da radio convencional en que nós temos que narrar todo o que pasa no campo, como acontecía nas antigas retransmisións".

O seu compañeiro, Gómez Longo, apunta que no futuro as retransmisións "estenderánse" ao Pavillóns dos Deportes e á Cidade Deportiva de Abegondo e remarca o carácter "altruísta" dun proxecto que está coordinado por Alfonso Hermida, Moncho Viña, Xosé A. Fraga e Adrián Candal, deseñado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación da Galiza, e financiado polo Concello da Coruña, "que o adquiriu para os seus recintos municipais". Ademais, institucións como o Real Club Deportivo, Liceo, Básquet Coruña e a ONCE contribuíron a que este proxecto de inclusión fose unha realidade.

Comentarios