Escocia ultima a creación dun Banco Nacional de investimento de titularidade pública

Traballa desde hai dous anos na posta en andamento dun banco público que comezaría a operar en 2020 coa finalidade de inxectar financiamento a proxectos estratéxicos de país e tecido empresarial escocés. O proxecto de lei para crear esta entidade xa está no Parlamento escocés.

SNP
photo_camera Nicola Sturgeon.

En setembro de 2017 a primeira ministra de Escocia Nicola Sturgeon anunciaba os plans do seu goberno para establecer un Banco Nacional público de Investimentos. Un proxecto, explicaba, que sería o motor para un crecemento económico “intelixente e inclusivo”, en beneficio de todas e preparando a transición cara a unha nova economía non dependente de combustíbeis fósiles. Un reto xigante, recoñecía o partido gobernante -o independentista SNP - que nestes últimos meses avanzou significativamente de cara ao compromiso expresado naquela altura: que a nova entidade estea operativa en 2020.

Creáronse comisións e comités de expertos así como tamén se deu participación a colectivos e entidades cidadáns para facer achegas e propostas. Un ex alto cargo da banca británica Tesco, Benny Higgins, desenvolveu para o goberno escocés unha proposta de plan de implementación para o novo banco. "A creación do Banco Nacional será un elemento esencial para apoiar o benestar económico futuro do noso país”, manifestou.

O novo Banco Nacional de Investimentos escocés de titularidade pública terá como obxectivo proporcionar préstamos a longo prazo e préstamos a proxectos considerados económicamente, social e ecoloxicamente útiles para o desenvolvemento da economía escocesa e será apoiado por unha capitalización a longo prazo de polo menos dous mil millóns de euros nos primeiros dez anos.

O proxecto de lei do Banco Nacional de Investimentos de Escocia foi presentado ao Parlamento escocés o 27 de febreiro de 2019. A introdución do proxecto supón un paso significativo cara ao establecemento desa nova entidade.

Durante estes meses realizáronse diversas avaliacións en torno a este proxecto, desde a que valora o impacto do novo banco sobre políticas de igualdade (EQIA) até a que aposta en tomar o pulso sobre o seu impacto empresarial e regulador (BRIA), que considera os custos potenciais para as empresas en Escocia que poden resultar da creación do Banco A proba de avaliación do impacto sobre benestar (CRWIA) avalía o posíbel impacto que terá o establecemento dun Banco Nacional de Investimentos Escocés sobre os dereitos e o benestar, nomeadamente das futuras xeracións.

O goberno escocés considera este banco como a trabe da “arquitectura económica de Escocia, promovendo e proporcionando financiamento para axudar os nosos obxectivos".

Comentarios