Escocia, contra o programa armamentístico nuclear británico en plena campaña electoral

Milleiros de persoas en Escocia reclaman o fin do programa de armamento nuclear británico que ten localizados na costa escocesa catro submarinos que conforman o denominado programa Trident.

scrapt trident(1)
photo_camera [Imaxe Scrapt Trident]

O debate arredor da permanencia do programa Trident na costa escocesa e a prohibición do armamento nuclear se esta chegase a ser independente foi un dos eixos arredor dos que xirou a campaña polo 'Si' no referendo de autodeterminación de Escocia o pasado ano. Asunto que mobilizou de maneira notábel a mocidade. 

Coas eleccións ao Parlamento británico no albo e o anuncio de David Cameron de investir 23 mil 400 millóns de libras para a renovación dos submarinos que compoñen o Trident, situaron de novo o conflito na primeira liña do debate político. O movemento pacifista Scrap Trident volve saír ás rúas e reclama o punto e final do programa armamentístico nuclear do Reino Unido xunto coa saída dos submarinos de Escocia. Demandas ás que se suman o Scotish National Party (SNP), os laboristas e Os Verdes. 

Nunha marcha decorrida polas rúas de Glasgow baixo o lema 'Bairns Not Bombs' [Crianzas non bombas] 4 mil persoas segundo a organización, 2.500 segundo a policía, percorreron a cidade escocesa o 4 de abril para exixiren o cesamento do programa de armamento nuclear Trident. Días antes en plena campaña electoral o primeiro ministro británico, David Cameron, prometía o investimento de 23 mil 400 millóns de libras esterlinas en renovar as armas de destrución masiva que posúen. 

En plena campaña electoral o primeiro ministro británico, David Cameron, prometía o investimento de 23 mil 400 millóns de libras esterlinas en renovar o programa armamentístico

O SNP contra as armas nucleares

Desde o goberno escocés a súa primeira ministra, Nicola Sturgeon lembrou a posición que mantén o SNP --partido que segundo os inquéritos obtería a maioría dos escanos escoceses nos comicios de maio. O partido nacionalista oponse á renovación do programa de armamento nuclear e exixe a saída do Trident de Escocia. 

Sturgeon sinalou na marcha convocada por Scrap Trident "o que se podería facer con ese diñeiro [23 mil 400 millóns de libras] en sanidade, ensino e outros servizos públicos, non só en Escocia senón en todo o Reino Unido". A primeira ministra tildou de "moralmente inxustificábel" o anuncio de Cameron e advertíu da importancia que terán as eleccións parlamentares na aprobación ou non do proxecto. E é que será a nova cámara a que decida. 

A mandataria expresaba desta maneira unha das ideas forza do ex-primeiro ministro escocés, Alex Salmond quen no último Congreso do SNP e en plena campaña pola independencia asegurou que a súa formación defendería unha nación libre de armas nucleares.

Sturgeon: "O que se podería facer con ese diñeiro en sanidade, ensino e outros servizos públicos, non só en Escocia senón en todo o Reino Unido"

Música e ciencia contra o Trident

Porén, embora ser Escocia o principal territorio na loita contra o Trident e as armas de destrución masiva, son moitas --e destacadas-- as voces que se unen ao longo de todo o Reino Unido. Neste senso, o 12 de abril unha serie de científic@s, músic@s e intelectuais británic@s asinaron un manifesto publicado no dominical Observer no que reclaman o fin do programa armamentístico. 

Entre as sinaturas atópanse as do cientista Peter Higgs ou a banda de música Young Fathers.

"Apoiar a nosa seguridade nun programa de disuasión nuclear anima o resto de países a facer o mesmo. O Reino Unido debera ser o primeiro membro permanente do Consello Xeral das Nacións Unidas que renuncie ao seu arsenal nuclear", apuntan. 

O programa Trident data de 1980, ano en que foi anunciado mais non sería até 1994 cando o primeiro dos submarinos iniciase as patrullas. Dos 4 submarinos un atópase somerxido de maneira permanente perante a costa escocesa. No seu interior atópanse mísis balísticos e oxivas nucleares. 

Comentarios