Escocia “pon o foco” no cinema galego

Tres longametraxes e catro curtas compoñen o Focus on Galicia, o espazo no que se proxecta unha mostra do Novo Cinema Galego no festival IberoDocs de Escocia. 

arraianos
photo_camera arraianos

Edimburgo e Glasgow, do 14 ao 24 de maio, están a coñecer producións do Novo Cinema Galego que se proxecta no apartado “Focus on Galicia” do Festival de Cine Documental Iberoamericano festival IberoDocs. 

Nesta súa segunda edición o festival proxectará tres longametraxes e catro curtas da nova produción cinematográfica galega, filmes que teñen xa unha ampla traxectoria de participacións en festivais internacionais.Arraianos (2012) de Eloy Enciso, Vikingland (2011) de Xurxo Chirro e N-VI (2012) de Pela del Álamo son as longametraxes escollidas para participar nesta mostra do novo cinema galego, canda curtas como Spaces of Time #1 Vigo e Porto de David Hernández, Montaña en sombra de Lois Patiño e Pettring de Eloy Domínguez Serén. 

O novo e internacional cine galego

O produtor executivo do festival, Xosé Ramón Rivas destacou que "por primeira vez Galiza ten un papel principal recoñecido e premiado no circuíto de festivais internacionais de cine”. A produtora de Vikingland e Arraianos, Beli Martínez, e o director de N-VI, Pela del Álamo participan tamén no programa do festival para explicar a dimensión do coñecido como Novo Cinema Galego. 

A Filmhouse de Edimburgo e o Centro for Contemporary Arts de Glasgow., dous prestixiosos centros do país, acollen as proxección do cinema galego no marco dun festival que, nesta nova edición, xira arredor da identidade. Na explicación dos obxectivos do programa, explican que Focus on Galicia “tende unha ponte entre a cultura galega e a escocesa, similares nas súas bases celtas, no seu pasado emigrante, na súa xeografía, no clima e no carácter acolledor dos seus habitantes”. 

Comentarios