Opinión

Un escenario complexo cun BNG en ascenso

Os resultados das eleccións xerais deixan un sabor agridoce, xa que por unha banda fortalecese a estrema-dereita e pola outra consolidase o nacionalismo catalán e vasco e, algo moi importante para o noso País: o BNG volve a estar presente no Parlamento do Estado español (EE). Outro feito a destacar é que medrou a abstención, o que afecta negativamente especialmente á esquerda, polo que aumenta o mérito dalgunhas das forzas que crecen nesta votación.

O Bloque conseguiu uns 120 mil votos, o que significa un medre do 29%, un dato positivo, máxime tendo en conta que a abstención na Galiza subiu do 26,03% no 28-04 ao 33,38% o 10-11. Polo tanto, son uns bos resultados para o BNG, que ademais consolidan a recuperación desta fronte política. Esta tendencia vese reflectida especialmente nos 157.745 votos obtidos para o Senado nas catro provincias, para aquelas persoas máis votadas na candidatura. Este é un dado que cómpre valorar detidamente. En todas as provincias galegas, agás Pontevedra, as persoas presentadas polo BNG obtiveron máis votos no Senado que as que o facían por Galicia En Común/Unidas Podemos, que en troques acadaba 186 mil votos para o Congreso na nosa nación, superando folgadamente ao soberanismo, porén perdendo votos e porcentaxe respecto do 28 de abril (pasou do 14,49% ao 12,66%). 

Unha parte dos votantes de UP dividen o voto co BNG. Se cadra porque simpatizaron coa fronte

Ou sexa, unha parte dos votantes de UP dividen o voto co BNG. Se cadra porque simpatizaron coa fronte durante unha etapa anterior, e aínda non racharon todas as amarras, e ademais pensan neste intre que votando polo partido de Pablo Iglesias ao Congreso garanten un deputado/a á esquerda. A obtención do BNG de representación pola Coruña pode rachar en moitos casos con esta dualidade no voto, especialmente se a fronte nacionalista aumenta súa presenza no Parlamento Galego nas autonómicas do vindeiro ano, unha meta que semella moi realizábel.

Asemade, coido que é posíbel que o BNG mellore esta tendencia ascendente nas institucións se no relato da dirección esta dá maior importancia á cuestión laboral (salarios, contratos, convenios, accidentes, xornada), ao reparto do traballo e da riqueza, as pensións e dependencia, aos servizos públicos, a nacionalización de sectores e empresas estratéxicas. Tamén sería unha contribución que definise e socializase con maior claridade a folla de ruta, os obxectivos a longo prazo e para esta etapa, e diferenciar entre portavocía institucional e a da fronte como forza representativa e mobilizadora das clases populares. Unhas clases e unha diversidade de problemáticas que deberían estar presentes na dirección da fronte, evitando sobre-representacións ou a carencia dalgunha delas. Mais como estes aspectos non son motivo deste artigo deixareinos para outra ocasión.

Cómpre salientar o retroceso do PSOE e de UP, o fracaso de Errejon e a desfeita de Ciudadanos

Respecto dos resultados a nivel do Estado español, ademais do dito no primeiro paragrafo, cómpre salientar o retroceso do PSOE e de UP, o fracaso de Errejon e a desfeita de Ciudadanos. Sendo verdade que as eleccións deixan un escenario máis complexo para a governabilidade, non se pode obviar que isto é consecuencia directa da falta de respostas que teñan en conta os intereses das clases populares, tanto no eido laboral e social, como no ecolóxico e territorial. Neste último ámbito pola negación de dereitos básicos para as nacións periféricas, como a capacidade de decidir. Porén tamén polas múltiples medidas que, co argumento da globalización, consagran o carácter subalterno das nacionalidades e outros territorios, daquela que sexa lóxica da presenza de deputados/as en representación de Cantabria e Teruel, por poñer dous casos. A emerxencia destas forzas son novos muros aos ataques abertos da ultradereita, que en boa medida son compartidos polo resto dos partidos sistémicos, xa que na práctica só queren que quede do Estado das Autonomías o envoltorio.

Ábrese polo tanto un período complexo, no que o capital usará, sen facer ren para evitalo, os medos da ingovernabilidade e do avance da estrema-dereita, e dunha nova crise, para frear as reivindicacións e a mobilización a prol da xustiza laboral e social, da democracia e a igualdade. Porén, resulta evidente que esta fragmentación política expresa as contradicións entre os partidos sistémicos e a súa debilidade no relato e nas propostas, e favorece a procura de saídas a este bloqueo que necesitan dos votos do soberanismo e doutras forzas que cuestionan o sistema (ou aspectos del). Este escenario, se vai unido á mobilización, á loita das ideas e á iniciativa, permitiría avances no social e nacional. Co que isto implica na formación da conciencia, no cambio da correlación de forzas e na construción de poder popular. Daquela a transcendencia de que o BNG teña presenza no Congreso.

https://obloguedemera.wordpress.com/