Unha escavación pretende documentar a batalla que marcou o final dos campamentos maquis nos montes de Casaio

Comezará esta segunda feira en torno á 'Cidade da Selva', bases da Federación de Guerrillas de Galiza-León ao pé da Pena Trevinca. A campaña está impulsada por 'Sputnik Labrego'

casaio cidade da selva guerrilla

En xullo de 1946 a Garda Civil realizou un importante ataque contra os campamentos da guerrilla antifranquista existentes nos montes de Casaio, aos pés de Pena Trevinca, en Carballeda de Valdeorras. Eses campamentos coñecíanse como 'Cidade da Selva' e eran un dos puntos centrais da Federación de Guerrillas de León-Galiza. Aquel ataque militar desmantelou aquelas bases guerrilleiras situadas no Val da Bruña. Unha campaña de escavacións quer documentar e saber máis sobre aqueles feitos.

cidade da selva casaio guerrilla

"Grazas á escavación que realizáramos o verán pasado, puideramos analizar con detalle como se consolidou a Federación de Guerrillas de León-Galiza na chamada "Cidade da Selva". Agora queremos estudar o final da guerrilla e as razóns para a súa desaparición", informa nun comunicado Carlos Tejerizo, director do proxecto Sputnik Labrego. Entre a segunda feira 10 de xuño e o domingo 23 de xuño desenvolveranse unha nova campaña arqueológixa nos montes de Casaio, co obxectivo de documentar aquel ataque da Garda Civil: "Sabemos pola documentación escrita que en xullo de 1946 realizouse un ataque definitivo sobre estes campamentos, concretamente sobre os situados no val da Bruña. Estes son os que escavaremos esta campaña".

Este proxecto, iniciado hai dous anos, presentou recentemente os principais resultados da escavación de tres chozos ocupados pola guerrilla a mediados dos anos 40, o que permitiu profundizar en aspectos como a vida cotiá, o papel da muller na guerrilla ou a organización das partidas distribuídas por estes montes. "Todo un éxito que nos animou a continuar coas escavacións, abrindo novas fronteiras de traballo", afirma Alejandro Gutiérrez, codirector das escavacións.

Para esta campaña, contarán con Francisco Alonso, de Estela Arqueoloxía e descubridor das pinturas esquemáticas en Casaio, que se presentaron recentemente en Compostela: "esperamos confirmar o que nós xa sabemos, a relevancia das paisaxes históricas nos montes de Casaio e a necesidade da súa protección por parte das institucións", afirma o arqueólogo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios