CRÍTICA DE CINEMA

"Escape Room", de Adam Robitel

Seis descoñecidos entran a xogar nunha "escape room". O premio por saír de primeiro é de 10.000 dólares. Ao principio todo semella normal, mais axiña se decatan de que non resolver as pistas implica a morte inmediata... para todos.

escape1
photo_camera Fotograma do filme

Os xogos de escape ou escape room son unha modalidade de xogo real nos que un grupo de persoas tentan saír dunha habitación (ou fuxir de algo) antes de que remate un tempo determinado. A graza radica en atopar pistas para ir resolvendo quebracabezas e, normalmente, require da colaboración colectiva de todos os participantes para poder gañar. Atribúese a invención ao director de cine de animación xaponés Takao Kato e a súa expansión mundial comezou en 2015 ata os nosos días.

O filme Escape Room toma como premisa este xogo para desenvolver unha historia de terror e intriga onde un grupo de xogadores deberán saír das habitacións se non queren morrer. Xa desde a primeira secuencia sabemos que non o van pasar ben precisamente... Un mozo intenta fuxir dunha habitación que se lle vén enriba pero non o consegue. No pertinente flash back sabemos que ese mozo será un dos seis participantes do xogo mortal. Vaia spoiler... ou non? Sexa como for, importa pouco pois a presentación de personaxes e o posterior desenvolvemento dos seus pasados traumáticos é o suficientemente atractivo e inquedante como para nos manter en vilo até (case) o final.  

Adam Robitel (Insidious: a última chave) acada unha interesante peza de xénero que toma prestada pinceladas de filmes como Hellraiser, Saw, Destino final, A cabana do bosque, Cube ou A habitación de Fermat... e tampouco trata de ocultalo. Unha achega bastante honesta, e sen pretensións, que só decae no último cuarto cando intenta fiar todo demasiado creando o desconcerto no respectábel con conexións absurdas e innecesarias que desembocan nunha descomunal decepción con ese pobre desenlace feito, basicamente, para comezar unha franquía que xa ten data de estrea... Mágoa.

ESCAPE ROOM

(Canadá-EUA 2019, 99 min.)

Dirección: Adam Robitel

Guión: Maria Melnik e Bragi F. Schut

Fotografía: Marc Spicer

Música: John Carey e Bruan Tyler

Elenco: Taylor Russell, Logan Miller, Jay ellis, Tyler Labine, Deborah Ann Woll, Nik Dodani, Yorick van Wageningen, Kenneth Fok

Comentarios