Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo

"O escano do BNG en Bruxelas foi a ponte para que os intereses galegos estivesen"

Ana Miranda (Cuntis, 1971), candidata do BNG ao Parlamento Europeo, é xurista experta en dereito comunitario, coas especializacións realizadas en Dereito Europeo nas universidades da Coruña e Louvain-la-Neuve e posúe unha longa experiencia na Eurocámara. Na última lexislatura, o seu traballo destacou pola defensa das rías galegas, da pesca, da memoria e das afectadas e afectados polo accidente de Angrois.Responde este cuestionario a través do correo electrónico.

Ana Miranda [Imaxe: SG]
photo_camera Ana Miranda

Que balance fai para Galiza destes anos de integración na Unión Europea?

As políticas da UE non teñen en conta os intereses galegos. Non é nada novo, foi así desde 1986. O papel dependente de Galiza no marco estatal deixou o noso país na periferia europea, por decisións políticas, prexudicando claramente o noso país ao non contar cos nosos intereses nos deseños europeos. As regras de xogo impostas desde Bruxelas desde hai anos, co consentimento activo do Estado español, da alternancia política do bipartidismo, excluíu Galiza; vémolo claramente nos sectores produtivos e nos deseños macroeconómicos. Porén ter representación no Parlamento Europeo a través do BNG permite incidir neses deseños para que Galiza estea representada nas negociacións dos fondos estruturais, de pesca e agricultura, na política medio ambiental, pois como sabemos, a competencia colexislativa da Eurocámara en moitos temas permite que, se ben o marco é moi difícil de mudar, porque esta UE non é a Europa que nos representa, como a Europa dos Pobos que nós defendemos, poidamos defender que non se nos anule.

Cales son as prioridades de Galiza na UE?

Precisamos o recoñecemento claro de nacións como a nosa, con dereito a producir e vivir do noso traballo. A negociación directa nas políticas que nos afectan. Defender a terra e o mar, o traballo, a nosa natureza, a xustiza social, o traballo, a igualdade. Continuando coa resposta anterior, para Galiza é fundamental que no Parlamento Europeo se escoiten as demandas da sociedade galega, tanto dos sectores produtivos galegos, como da sociedade civil en xeral, desde as demandas na defensa do territorio, as propostas culturais, científicas, sindicais, laborais, do sector da saúde e educación, da mocidade, do feminismo, das organizacións sociais en xeral, tal e como se fixo durante o meu escano en Bruxelas, que foi a ponte para que os intereses galegos estivesen.

Nese sentido, que Europa propoñen desde a súa formación e cal sería o papel de Galiza nela?

O BNG aposta pola superación do modelo económico actual de Unión Europea e pola superación da Europa fortaleza que non defende os dereitos humanos. Defendemos unha Europa dos Pobos, que nos recoñeza como nación, cun modelo social e humano que permita poñer no eixo central o noso país. Iso pasa por ter voz, voto e veto en todas as decisións tamén. A Europa que deixa morrer persoas no Mediterráneo non nos representa, é unha vergonza o que está acontecendo.

Cal será a primeira iniciativa que proporá no Parlamento Europeo?

Van ser moitas, continuando o traballo feito, se o noso pobo nos segue dando apoio. Mais a primeira desas iniciativas é que defenderei no Parlamento Europeo será a posta en marcha do salario mínimo europeo e da renda mínima europea, esta lexislatura xa lancei un grupo de traballo sobre o último tema. Tanto para as persoas en situación de desemprego, que son moitas na Galiza, como para as persoas cun emprego, porque un dos problemas que máis nos preocupa é o do precariedade laboral, que ao final é vital. É fundamental loitar contra a situación de precariedade na que están inmersas moitas persoas que teñen traballo, pois ter un traballo moitas veces significa ser pobre por non poder cubrir os mínimos vitais. Contratos por horas como os das enfermeiras, contratos precarios por mor dunha reforma laboral imposta pola troika e acordada cos caladiños dos Gobernos. Precisamos traballos decentes, dignos e cun mínimo a nivel europeo que permita igual pola alta.

Eu falo galego no Parlamento Europeo, ou acaso alguén o dubida?

Vostedes non poden intervir no Parlamento en galego porque non é lingua oficial na eurocámara. En que idioma se comunicará nas súas intervencións?

Eu falo galego no Parlamento Europeo, ou acaso alguén o dubida? É un feito porque para nós, a nosa lingua é un todo coa lingua portuguesa, unha lingua universal. Ao ser políglota falei, falo e falarei, galego como nosa lingua, como prioritaria e sempre que podo; e logo na mesma orde de uso nun sistema plurilingüe o alemán, español, francés e inglés, na vindeira lanzareime en italiano, que estou estudando aos poucos, sentín non chamarlle fascista ao Presidente Tajani cando defendeu a Mussolini. Gostei inmenso de falar co António Costa na nosa lingua, el agradeceu tanto! Como vedes no vídeo no Parlamento Europeo cando debatemos os incendios na Galiza e en Portugal.

A propósito do idioma, que poden facer as eurodeputadas e eurodeputados galegos pola lingua desde o Parlamento?

Como eurodeputada do BNG participo no intergrupo de Linguas do Parlamento Europeo e desde este espazo sumámonos a múltiples iniciativas de defensa e potenciación das linguas minorizadas e promovemos actuación . Por exemplo A Mesa Pola Normalización Lingüística participou en Estrasburgo denunciando a situación de minorización do galego no ensino.

A función e actividade dos partidos e grupos parlamentarios europeos son pouco coñecidas. En cal se integran vostedes e cal é a súa utilidade práctica para as galegas e galegos?

O BNG está integrado no grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea, un grupo bicéfalo con 51 escanos no que nós pertencemos á ALE, tento o estatuto dentro do grupo parlamentar de delegación galega e iso danos moita autonomía, liberdade de voto. A utilidade práctica para o noso país é estar nun grupo con propostas de esquerda, ecoloxistas e de defensa dos dereitos humanos. Mais insisto, nós temos autonomía plena, e sobre todo moito respecto dos demais, que xa empezara co eurodeputado Camilo Nogueira, e decidimos en función do voto mellor para Galiza.

Nun contexto de ascenso da ultradereita, a Eurocámara aprobou en outubro unha resolución contra o avanzo do neofascismo en Europa e pola ilegalización da Fundación Francisco Franco. Como valora o aumento destas forzas en Europa e a existencia desta fundación?

Como coautora ponente desa Resolución sobre o avance do neofascismos, que marca un antes e un despois e que acadou a maioría de voto da Eurocámara, dixemos alto e claro, fascismo nunca máis. O avance da extrema dereita provoca racismo, xenofobia, exclusión e non podemos permitilo, hai que ser contundentes con medidas para combater esa lacra. Estou orgullosa do traballo feito, coas compañeiras eurodeputadas Eleonora Forenza e Soraya Posto. E de ter escrito toda a parte relativa ao franquismo, como a existencia da Fundación Franco, que é unha anomalía democrática e que instamos nesa Resolución á súa prohibición, pois fai apoloxía do franquismo, así como a retirada dos nomes franquista e recoñecementos, o apoio aos 19 de Meirás e que non se fomenten discursos de odio que enxalcen o fascismo, por exemplo, por que fixo a TVG unha entrevista ao presidente da Fundación Francisco Franco?

No combate ao fascismo, alégrame ter sido unha voz rebelde para combatelo con acción e decisión

En Europa, dinnos unha e outra vez como pode seguir existindo esa fundación, pois nin en Italia hai unha fundación Mussolini, nin en Portugal unha fundación Salazar nin en Alemaña unha fundación Hitler. Dito isto, a existencia desta fundación non é algo novo, senón que agora cobra relevancia como resultado das accións e presións que desenvolve o BNG desde diversos ámbitos, tanto desde o institucional polos nosos compañeiros de Sada Carlos Babío, que tamén vén na candidatura europea, e de Manuel Lourenzo e fundamentalmente pola acción decidida da vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartin, as que fixo Luís Bará no Parlamento galego e tamén as denuncias realizadas no Parlamento europeo.

No combate ao fascismo, alégrame ter sido unha voz rebelde para combatelo con acción e decisión.

Comentarios