COMO DICILO?

Escachar

laos
photo_camera Unha muller a rir a cachón [Foto: Wikipedia]

Comentamos xa un día diferentes locucións formadas coa palabra cacho. Eran elas:

    

Andar de cacho para testo (ou para cabazo ou para cribo) = ir dun sitio para outro sen parar, estando a persoa algo perdida, en español de aquí para allá, de la ceca para La Meca.

Mexar fóra do cacho (ou do penico)  = dicir inconveniencias, cousas que non son oportunas ou non veñen ao caso.

Estar mal do cacho/estar fóra de cacho = estar mal da cabeza, da cachola, fóra de razón,  

Tirar/tirarse os cachos ás olas =  asemellaren os fillos aos seus pais.

E coller/pillar cacho ‘lucrarse, tirar proveito’, = unha locución moderna equivalente ás tradicionais coller bicada, tirar tallada.

Poida que lectoras e lectores lembren que a palabra galega cacho que aparecía nelas tiña distintas orixes relacionadas coa cabeza, a ola de barro e os anacos dela (e mais tarde os anacos en xeral), o caparazón de certos crustáceos, o caldiño que se prepara nel ou a mestura para lavar a cara na mañá do día de San Xoán feita con herbas aromáticas, o acio ou racimo de uvas…

Imos hoxe comentar algunhas locucións formadas co verbo escachar, ‘romper, partir, lañar’ que procede de cacho ‘anaco, fragmento´. Escachar sería, logo ‘facer anacos’ e dese verbo deriva o intensivo escachizar ‘facer moitos anacos ou anacos moi pequenos’. Sempre, en todo caso, escachar refírese a obxectos de material fráxil (vidro, louza, cerámica, etc).

Co verbo escachar fórmase a denominación festivo-familiar do dedo gordo da man, o escacha pulgas e piollos, debido á función que con humor se lle atribuía.

Un neno algo fedello e enredante, un pouco descarado e rillote, é calificado decontado de escachapedras ou escachacruces, de escachado.

Tamén é unha metáfora ben expresiva empregar o verbo escachar no sentido de ‘rir moitísimo, partirse de risa’. Escachar a rir (ou coa risa) e mais rir a cachón son equivalentes de esmendrellarse. Igual metáfora empregamos para os líquidos que gurgullan ao ferver, o mar cando rompe, un río cando cai en fervenza, e mesmo o lume ao facer chama: a cachón, cachoada, cachoeira, cacharela.

Escachar ‘partir, romper’ (e de aí ‘abrir’) ten como variantes escochar e escanchar e falamos así das sardiñas escanchadas ou escochadas (tamén sardiñas lañadas), as que —despois de limpas de magas,  espiñas  e cabeza— fican abertas, planas.

Coa mesma entendemos a orixe da expresión a escanchapernas (ou a escachapernas ou a escarranchapernas) e entenderemos tamén a locución a escacha-pexegueiro, é dicir ‘con toda, forza,  con toda intensidade, chegando até o exceso, a cachón’, como se fósemos escachar, partir e fender a árbore, o obxecto ou a persoa abaneada.

    

Cantaremos, para remate, aquilo de:

        Que estou escarranchado,
        que estou escarranchado :
        unha perna téñocha aquí
        e outra no teu tellado.

 

Comentarios