Opinión

Escabeche

Este ano de pandemia coincidiu co meu 40 aniversario e non sabería dicir se por ser un ano de inflexión na vida dalgunhas persoas ou por sentir que estamos a vivir nun tempo surrealista a miúdo polas noites comezo a lembrar a miña nenez.

Coincide curiosamente que á cabeza véñenme lembranzas de cando tiña nove e dez anos, a idade actual da miña filla Uxía que en xaneiro cumpriu nove.

Tento pensar nas cousas que tiña nesas datas na cabeza, as miñas preocupacións, os pasatempos… Pero sempre acabo rememorando unha tarde do mes de xullo que de entrada non tivo nada de especial pero que quedou gravada na miña cabeza en forma de ulido.

Decátome entón do excepcional e misterioso que arrodea o diario da nosa vida. O verán dos meus nove anos, fixen a primeira comuñón (aínda que os meus pais non estaban polo labor pero nesas datas como toda a clase a facía convencinos), fun de campamento a Barciademera, e estaba a piques de ter un novo irmanciño… Son acontecementos salientables que poderían competir por se facer oco entre as lembranzas destacadas dese ano pero non, ningún destes feitos ocupan na actualidade os meus pensamentos.

En cambio, unha e outra vez véxome na rúa xogando á pita altura, vai moita calor e decido subir a casa, un primeiro piso na rúa Anduriña na Doblada en Vigo. Ao chegar a casa abro a neveira e vexo unha fonte de chinchos en escabeche, co mollo ben vermello e moito loureiro que decido será o mellor aliado para recuperar forzas.

Unha fonte de peixe en escabeche e o seu recendo protagonizan 31 anos despois as miñas noites en vela preocupada pola pandemia.

Eran veráns sen viaxes, non coñeciamos avións nin hoteis, daquela a maior parte das familias como a miña non podían nin contemplar saír de vacacións fóra da cidade. Como moito ir ao monte os domingos a facer churrasco e en bici entre semana ás praias.

Este sábado saín en bicicleta con Uxía, levabamos todas estas fins de semana sen asomar á rúa e vivindo, como debe ser, no autoconfinamento voluntario. O caso é que saímos e me deu moita pena que despois de media horiña a nena non podía coa súa alma e pediu dar a volta e regresar á casa. Uxía, como tantas nenas e nenos, adoita ter unha enerxía inesgotable, pasa o día brincando dentro e fóra da casa. Dende cativa chovera ou nevara baixabamos ao parque a xogar, correr, patinar ou andar en bici. Pero case un ano despois Uxía cumpriu nove anos sen parques, sen festa de aniversario, sen carreiras con amigos e tamén sen escabeche.

Pouco acougo atopo nas noticias dos xornais, nas palabras dos políticos, querían salvar o Nadal, agora a Semana Santa, Ayuso di que a hostalería… pero quen salva as nosas nenas e nenos de tanta insensatez!

Comentarios