Os ERTE prorróganse até 31 de xaneiro

Goberno español, patronal, CCOO e UXT consensuan estender os ERTE ao primeiro mes de 2021. Tamén quedan prorrogadas as axudas a autónomas e autónomos e créase unha polo fechamento de negocios por causa da pandemia. Desde a CIG critican que as medidas non garanten manter os postos de traballo.
José Luis Escrivá , Yolanda Díaz, María Jesús Montero Cuadrado e Carolina Darias.(Pool)
photo_camera José Luis Escrivá , Yolanda Díaz, María Jesús Montero Cuadrado e Carolina Darias.(Pool)

O Goberno español vén de aprobar en Consello de Ministras e Ministros prorrogar de maneira automática até o vindeiro 31 de xaneiro todos os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de forza maior vixentes na actualidade. O anuncio realizouse onte após o acordo alcanzado con representantes das organizacións sindicais CCOO e UXT e os representantes das patronais CEOE e  CEPYME.  

Medidas aprobadas

No anuncio realizado onte explícase que será posíbel solicitar novos ERTE de forza maior tanto por impedimento como por limitación de actividades en todos os sectores. Ademais estabelécense exoneracións na cotización para empresas pertencentes a sectores cunha elevada taxa de cobertura por ERTE e unha reducida taxa de recuperación de actividade sen necesidade de solicitar un novo.

Alén diso, as traballadoras e traballadores fixos descontinuos poderán percibir unha prestación extraordinaria e non se reducirá a porcentaxe de base reguladora para calcular as prestacións por ERTE cando se percibiron 6 meses de prestación polo que seguirá a ser de 70%. Outra das medidas é que continúe sen moverse o "contador" e o acceso a prestacións de desemprego sen carencia previa. Por último continuará limitándose o reparto de dividendos e acceso a axudas para aquelas empresas situadas en paraísos fiscais e estabelécese unha salvagarda de emprego de 6 meses.

Prórroga tamén para autónomas e autónomos

O Goberno español aprobou tamén a prórroga e ampliación das axudas ás traballadoras e traballadores autónomos de tempada e a prestación por cesamento ordinario compatíbel coa actividade, tamén até xaneiro de 2021. Aquelas que non cumpran os requisitos para acceder á prestación poderán solicitar unha axuda se ingresan menos do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Por último, crean  unha nova prestación para aquelas persoas que fechen os seus negocios como consecuencia dunha decisión das autoridades sanitarias.

Satisfacción en CCOO, UXT e patronal

As organizacións sindicais CCOO e UXT, xunto ás patronais CEOE e Cepyme, amosaron a súa satisfacción polo anuncio destas medidas. O secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, asegura que "esta prórroga contén importantes avances sociais e dá certeza á sociedade ante unha situación de crise sanitaria, social e económica sen precedentes". Para o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, "é unha regulación moi favorábel aos intereses das traballadoras e dos traballadores" coa que os ERTE "poden seguir a ser a alternativa aos despedimentos". 

Desde o comité executivo da CEOE, reunido onte con carácter extraordinario e no que está integrada a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), emitiron un comunicado no que afirman confiar "en que este acordo permita garantir a continuidade da maior cantidade de empresas e empregos posíbeis nunha conxuntura económica tan adversa".

CIG: unha prórroga en condicións inxustas

Desde a CIG critican que as medidas aprobadas non dean garantías de mantemento dos postos de traballo e continúen a deixar toda a capacidade de decisión nas empresas. "En cada acordo que sae do diálogo social afóndase na desprotección da clase traballadora e négase unha saída xusta á crise", alerta o seu secretario xeral, Paulo Carril. 

O responsábel da primeira forza sindical da Galiza lembra que "anular estas reformas permitiría que a negociación dun ERTE ou un ERE non estea en mans exclusivas da empresa, senón que requiriría do acordo coa representación sindical e recuperaríase o exercicio do control e, no seu caso, da autorización previa da Administración".

Outra das preocupacións da central sindical nacionalista é que non se obriga as empresas a completar até 100% os salarios nin a reincorporar progresivamente todo o persoal temporal da empresa principal ou externas. A CIG defende que estas coberturas sexan aplicábeis a todas as persoas traballadoras, incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o día 1 de xaneiro estivesen xa percibindo prestación por desemprego. 

Para afrontar o gasto público que supoñen estas medidas, Carril critica que o Goberno español "en vez de aplicar unha política fiscal progresiva ou recorrer a outras partidas como a de gastos militares ou os destinados á casa real, a solución que se ofrece pasa por reducir as coberturas e financiar estas medidas cos cartos de todas as traballadoras e traballadores".

No ar as familias con fillas en corentena 

O Goberno español segue sen aclarar, tras a apertura dos colexios, como solucionará as baixas laborais remuneradas para nais e pais con fillas ou fillos en corentena con PCR negativa. A implementación desta baixa foi obxecto de declaracións cruzadas por varios membros do Goberno español durante setembro.

Comentarios