APELA AO ESPíRITO DAS MAREAS PARA GAñAR O 20D

Errejón pide en Vigo un novo pacto de convivencia para España

O número 2 de Podemos encheu o auditorio do Teatro García Barbón, que ficou pequeno para o mitin coas cabezas de lista de En Marea por Pontevedra.

Íñigo Errejón Podemos Vigo


O secretario político de Podemos, Íñigo Errejón, apelou ao espírito das mareas para conseguir a vitoria nas eleccións xerais do 20D. “Galiza abriu as portas nas municipais e farao no Estado gañando estas eleccións”, asegurou Errejón durante un mitin masivo en Vigo xunto ás cabezas de lista de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez.

O Teatro García Barbón ficou pequeno para o acto. Máis de 500 persoas encheron o auditorio mentres outros centos quedaron ás portas do recinto por falta de espazo. O número 2 de Podemos recoñeceu o papel das candidaturas de confluencia, que definiu como “alianzas que multiplican”.

Errejón chamou á “remontada” e fixo fincapé nos votantes indecisos porque “non só demostramos que podemos gañar eleccións, tamén que sabemos gobernar mellor”, en referencia ás alcaldías conseguidas nas municipais. Fixo a súa intervención en castelán pero desexou que “cando teñamos un goberno ao servizo da xente, que recoñeza que somos un país de países” poder facelo en galego. 

“O problema non é que Catalunya queira independizarse, o problema é que queiran independizarse os ricos”, dixo Errejón.

“O problema non é que Catalunya queira independizarse, o problema é que queiran independizarse os ricos”, manifestou o secretario político de Podemos, que insistiu na necesidade dun novo pacto de convivencia en España porque o de 1978 “foi roto por aqueles que se creron demasiado importantes e poderosos para cumprir a lei”. Considerou que ante “o golpe de estado diario dos corruptos” toca gobernar “á xente decente” porque “os de arriba non van cambiar”.

Nesa liña falaron as cabezas de lista por Pontevedra. A número 1 de En Marea na provincia, Alexandra Fernández, recordou que como muller nova naceu “vendo a política como unha alternancia entre poderosos”. Pola súa banda, a segunda da lista de confluencia, Ángela Rodríguez, reivindicou unha nova forma de facer política. “A política da xente normal, centrada na vida, con transparencia e honestidade”, sinalou.  

O acto rematou cunha conexión co mitin que En Marea realizou á mesma hora na Coruña. Nel, o cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, advertiu de que “este 20D vannos atacar pero que ninguén pense que teñen algo contra nós, téñenlle medo á xente, representamos aquello que temen, o cambio, a alegría, a ilusión”.
 

Comentarios