Errejón afástase aínda máis de Iglesias e pacta con Carmena o asalto a Madrid

O heterodoxo fundador de Podemos que en tempos fixo as beiras a un pacto con Carolina Bescansa para se desfaceren conxuntamente de Pablo Iglesias chega agora a un acordo con Manuela Carmena ás costas do seu partido. A iniciativa, apresentar a mesma marca —Máis Madrid— ás eleccións municipais na capital e e as autonómicas na comunidade. Racha así coa dinámica aberta polo aparato de Podemos, que xa acordara o número dous da lista con IU.

iglesias
photo_camera Iglesias e Errejón, á esquerda da imaxe, aplauden durante o pleno de investidura de Manuela Carmena en 2015.

Errejón prefire orbitar arredor de Carmena do que o facer por volta de Pablo Iglesias. Alíase co único referente político da esquerda dita rupturista que desde o principio voa libre e e sen dependencia do líder de Podemos. A idea é ensanchar o campo e petiscar no eleitorado do PSOE. Errejón pensa que para chegar aos sectores máis tépedos do electorado progresista a mellor compaña posíbel é a alcaldesa de Madrid e non Esquerda Unida.

O movimento de Errejón tensará máis unha vez as costuras internas da formación morada. O politólogo da Complutense tomou a súa decisión ao verse desautorizado polo acordo cupular entre o aparato de Podemos e Izquierda Unida en función do cal o número 2 da candidatura sería para Sol Sánchez, dirixente da formación liderada por Alberto Garzón, cando o número un da candidatura pretendía que a praza fose para a actual portavoz na cámara autonómica, Clara Serra.

A entente Errejón-Carmena trascendeu ao se publicar nas redes sociais da alcaldesa unha carta asinada por ambos e enderezada ás madrileñas e madrileños. Na misiva, afirman: "Lanzamos esta iniciativa dúas persoas, Manuela Carmena e Íñigo Errejón, de diferentes traxectorias e xeracións. É unha metáfora do que queremos para Madrid: pór diferentes ollares a se encontraren nun proxecto partillado".

A recente derrota da esquerda en Andalucía, a mans da emerxente ultra-dereita, é un dos factores que explicaría a converxencia entre estes dous vultos do progresismo español: "Atopámonos nun momento decisivo. Andalucía foi un toque de atención. Hoxe todo o mundo sabe que necesitamos un revulsivo".

Comentarios