ELECCIóNS XERAIS

Errejón, aberto á alianza con outras forzas a condición de Podemos ser "vector fundamental"

De cara aos comicios xerais, o secretario de Política de Podemos, Íñigo Errejón apostou por “tender a man” a alianzas en lugares como Galiza pero de maneira que Podemos funcione como “eixo artellador en todo o Estado”

Para lugares como Galiza onde “fai falta tratar de forma diferente o que son situacións diferentes”, o secretario de Política de Podemos, Íñigo Errejón, aposta por “tender a man a alianzas” de cara ás eleccións xerais, pero sempre e cando Podemos funcione como “eixo artellador en todo o Estado”.

En declaracións recollidas por Europa Press na Coruña, onde inaugurou unha sede de Podemos, Errejón admite que hai “territorios concretos con dinámicas políticas propias nos que queremos tender a man e entendernos con moitos actores moi diferentes, que foron pioneiros en abrir paso”. E aí toda a xenerosidade e toda a man tendida”.

Porén, Errejón puxo de manifesto que Podemos debe ser “o vector fundamental", aínda que camiñe "con moitas outras forzas". “Non se trata de xuntar partidos nin siglas nin a quen pensan exactamente igual, senón de construír unha maioría de xente que vén de lugares moi diferentes”, engadiu.

Sobre a posibilidade de converxer con Ahora en Común, o responsábel de Política de Podemos salientou que o decidirán as bases en referendo e sen excluír ninguén. Con todo, insistiu que “non se trata de facer unha fronte entre a xente que pensa igual, senón de dar paso ao cambio dunha maioría”.

En declaracións aos medios Errejón apostou por falar “territorio a territorio”. “En Cataluña déronse pasos moi significativos”, apuntou, “Podemos vai ser un instrumento para tender á acumulación de forzas” en Cataluña.

Comentarios