A empresa norueguesa Erimsa sae ao paso das declaracións que alertan do perigo dos seus proxectos de extracción de seixo para a comarca de Ordes. Afirma lembra que leva 30 anos desenvolvendo este labor nesa área e que o fai “convivindo coas explotacións agrícolas e gandeiras destes concellos”. Incide en que traballa sen expropiacións, alugando os terreos aos propietarios e pactando previamente as condicións “mediante acordos voluntarios”.
Erimsa, a través dun comunicado, sinala que o seu método de traballo é o “peneirado de terreos”, o que permite compaxinar os traballos co de agricultores e gandeiros, aos que quer mandar unha mensaxe de tranquilidade. Afirma que no seu labor non hai canteiras nin ocos de explotación permanentes e di que garante “a recuperación total do terreo para recuperar o seu uso anterior” sen que ese terreo perda rendemento.