Opinión

ERGA, pobo e nación no estudantado

Este mes cúmprense 40 anos da fundación de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), como consecuencia da decisión da Unión do Povo Galego (UPG) de organizar os estudantes da Universidade, en Compostela. A UPG encargoume esta tarefa, ao pouco de regresar a Galiza, supoño que pola miña experiencia na Arxentina en TUPAC, tendencia estudantil de Vanguardia Comunista.

Este mes cúmprense 40 anos da fundación de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), como consecuencia da decisión da Unión do Povo Galego (UPG) de organizar os estudantes da Universidade, en Compostela. A UPG encargoume esta tarefa, ao pouco de regresar a Galiza, supoño que pola miña experiencia na Arxentina en TUPAC, tendencia estudantil de Vanguardia Comunista. Con antelación xa fora delegado na secundaria en 1963 e participara nas mobilizacións que enfrontaron a “laicas e libres” polo ensino relixioso en 1959. Traballar politicamente no movemento estudantil non era o que esperaba. Entendía que era unha etapa superada, xa que había máis dun ano que deixara a Universidade na Arxentina, onde ademais durante tempo compaxinei os estudos con traballo na fábrica. A miña inquedanza era traballar politicamente no movemento obreiro.

Na formación de ERGA tomei a iniciativa, xa que os contactos con “Pepiño de Teis” eran esporádicos. Por esta razón no Terra e Tempo do mes de decembro de 1972 facíase unha análise da situación na Universidade e dábanse alternativas coas que non coincidía plenamente. E mesmo no número de marzo de 1973 do voceiro da UPG engadíase sen motivo “autónomos” ás siglas de ERGA, e houbo quen en comentarios converteu o “a” en “armada”, dándolle azos á imaxinación. En realidade en Compostela non existía estrutura da UPG, para alén dalgún militante que na práctica funcionaba como simpatizante. Sería dende ERGA que se construiría a UPG na cidade, xa sobre bases marxistas-leninistas, co organigrama dun partido comunista e tarefas militantes, para tempos de clandestinidade.

ERGA naceu como tal na segunda quincena de decembro, quince ou vinte días despois de que chegase á cidade, nunha reunión celebrada no monte da Condesa. Alí xunteime cun colectivo de mozos vidos de Ferrol e Pontedeume, que participaban previamente de reunións políticas con Xosé Paz, que voltara do Brasil había uns anos; militante comunista, sindicalista e afín ao grupo de Marighela. O outro grupo que integraría ERGA eran achegados á UPG ou persoas coas que contactara por medio dela, que naquel intre estaban case que todos de vacacións nas súas aldeas e cidades de orixe.

"ERGA naceu como tal na segunda quincena de decembro, quince ou vinte días despois de que chegase á cidade, nunha reunión celebrada no monte da Condesa".


Días antes da fundación, na noite do dous ao tres dese mes, fora morto por disparos da policía o estudante de medicina Chema Fuentes. Encol do tema di o Terra e Tempo de nadal de 1972 “Xosé María Fuentes Fernández un rapaz normal, bo, intelixente (...) Un policía disparoulle sen motivo; disque estaba bébedo”. O día 5 a Voz de Galicia informaba, por boca da policía, que alertados por un posíbel roubo, os inspectores dispararon ao aire cando viron fuxir dous mozos, a resultas do cal accidentalmente foi atinxido Chema Fuentes. No mesmo exemplar o alcalde, reitor e autoridades académicas expresaban o seu pésame á familia.

O 4 de decembro realizouse unha manifestación polas rúas da cidade, que foi disolta, e o día seguinte outra cunha maior participación. Se non lembro mal planificáramos a nosa presenza. No meu caso, fíxeno disfrazado, para evitar a identificación, e cos métodos empregados na Arxentina durante a ditadura militar: cruzar coches, facer barricadas nas rúas con material da construción, preto da obra onde traballei de peón unha tempada. Axiña fóronse incorporando algúns estudantes. O tema sería moi comentado nos ambientes politizados. Foi a primeira carta de presentación. Na Voz de Galicia, do día 6, dise: “Na estrada de circunvalación, rúa de Romero Donallo, apareceron barricadas e restos de materiais de construción”. O paro na Universidade continuou algúns días máis con mobilizacións.

O nacemento de ERGA dáse nun momento social e político tenso e ateigado de ilusións, xa que as importantes folgas obreiras de marzo e setembro de 1972 en Ferrol e Vigo, malia que foron duramente reprimidas, aumentaron o descrédito do réxime. Tamén deixaron na conciencia colectiva a idea de que era posíbel derrotar a ditadura, así como todo o simbolismo do heroísmo colectivo. Asemade, o descontente e a protesta popular estendíanse ao rural, tal como se demostrou en conflitos como o de Castrelo de Miño; ao ámbito académico e estudantil, onde as mobilizacións de 1968 marcaron un cambio de tendencia; así como á actividade cultural que cuestionaba unha España negadora da identidade galega, e de dereitos colectivos e individuais.

"O nacemento de ERGA dáse nun momento social e político tenso e ateigado de ilusións, xa que as importantes folgas obreiras de marzo e setembro de 1972 en Ferrol e Vigo"


Non me quero alongar na análise do contexto, nen na miña participación persoal na fundación de ERGA, unha información que o leitor pode atopar no libro “ERGA, o lume que ardeu” publicado polos CAF-CAE no ano 1997, co gallo do 25 aniversario. Só desexo remarcar, en relación ao éxito de ERGA, que foi posíbel porque existían condicións obxectivas acaídas. Agora ben, non se pode ignorar que esta organización foi quen de avanzar alí onde outras forzas se estancaron ou recuaron, porque: fixo unha caracterización axeitada da realidade nacional galega, propuxo obxectivos sentidos, e optou por métodos de traballo correctos. Lembremos que encetou cun mínimo de militantes, e que daquela tanto o PCG como o MCG tiñan unha forte implantación na Universidade. En resumo, ademais de condicións obxectivas axeitadas do momento, ERGA contou cos elementos subxectivos apropiados. Non pretendo esquecer nesta análise que as condicións obxectivas foran creadas, tanto polos erros e a represión do réxime como, en boa medida, por outras forzas políticas e sociais da oposición, que logo non souberon interpretar esta nova etapa, ou carecían dun suxeito político-social capaz de desenvolver as tarefas necesarias.

Neste artigo desexo expor algunhas reflexións encol de varios aspectos que coido foron esenciais para o rápido crecemento desta organización estudantil. O primeiro é, que ERGA nacía como unha “tendencia”, ou sexa, unha organización de base da UPG na que ademais de militantes participaban simpatizantes cos mesmos dereitos e obrigas. ERGA pretendía acumular forzas para poder organizar un sindicato de estudantes cando as condicións obxectivas e subxectivas así o permitisen. Por esta razón tiña un programa con obxectivos políticos estratéxicos e, como era lóxico, formulaba asemade reivindicacións moi concretas ligadas á Universidade. Por este motivo tamén funcionaba en células e dáballe á formación un papel tan importante: era unha sementeira de cadros, que se formaban na teoría e na práctica para a construción dun forte sindicato estudantil e do Partido.

"ERGA nacía como unha “tendencia”, ou sexa, unha organización de base da UPG na que ademais de militantes participaban simpatizantes cos mesmos dereitos e obrigas".


Déronse nos primeiros momentos dous debates internos de clarificación que foron fundamentais: o da auto-organización e o lingüístico. Rachar cos Comités, unha organización unitaria dos estudantes, para crear organizacións galegas propias, non era algo doado, especialmente para aqueles militantes máis activos. O argumento para esta ruptura cunha organización unitaria era a necesidade de acumular base social detrás do obxectivo da liberación nacional e social, algo que era imposíbel dende organismos nos que o debate se pechaba nun grupo reducido de persoas moi politizadas. Eran partidos con posturas estratéxicas diverxentes, nun equilibrio de forzas negativo para o nacionalismo e pouco doado de mudar, que ademais secuestraba as diferenzas diante do conxunto do estudantado ao impor cara o exterior o discurso hexemónico. Cumpría chegar coa mensaxe a todos e todas, para facer traballo de masas (asembleas, axitación, manifestacións). Era necesario dar un pulo a unha práctica e ideas revolucionarias no movemento estudantil e mudar a correlación de forzas.

O tema lingüístico tamén tivo os seus atrancos, porque mentres todos e todas falaban en galego, despois moitos utilizaban o castelán nas intervencións nas asembleas estudantís. Todos os argumentos estaban a prol da coherencia, e a resistencia foi menor que no relativo a rachar cos Comités. Este impedimento non se deu só no ámbito estudantil; tamén se daría nas empresas, onde existiron resistencias á utilización do galego, tanto en asembleas como en boletíns, especialmente por parte da militancia que procedía da esquerda española (cando menos nesta primeira etapa, 1972-73). Tendo en consideración que un 75% da poboación falaba exclusivamente galego, isto era a demostración evidente de anos de colonización; especialmente chamativo cando tiña que ser eu, criado na Arxentina e que acababa de retornar, quen fixera de máximo valedor da lingua nacional.

Por último, quero facer referencia a algúns aspectos dos métodos de traballo, e da liña política, que foron fundamentais, tanto para a consolidación de ERGA, como para que fose sementeira de cadros para actividade sindical e política. Ante todo, entendíase que os militantes debían ser un exemplo, non só na actividade política, senón tamén nos estudos, no traballo e nas súas relacións persoais. Non abondaba con predicar; a coherencia era esencial. A formación era outro dos aspectos principais. Coñecer a historia do país, saber caracterizar a situación, e empregar axeitadamente as ferramentas dos teóricos marxistas: Marx, Engels, Lenin, Mao. Os militantes exemplares non son doados de desacreditar por outros partidos e moi especialmente polas clases dominantes. Algo que deberamos ter moi en consideración tamén nesta etapa.

"Ante todo, entendíase que os militantes debían ser un exemplo, non só na actividade política, senón tamén nos estudos, no traballo e nas súas relacións persoais".

A liña política de ERGA non era precisamente contemporizadora, xa que a organización formaba parte do proceso de liberación nacional e social, que se entendía como unha ruptura revolucionaria coa vella orde imposta polo imperialismo español. Definíase Galiza como unha colonia do Estado español, polo que a auto-organización das clases populares era esencial no proceso de construción do poder popular. Tal como recolle o Terra e Tempo de xuño-xullo de 1973. Lembremos que Antolín Faraldo xa definira a Galiza en 1846 como unha colonia da Corte. No número do marzal do mesmo ano, no artigo “¿Que é a fronte nacional-popular?”, avánzase na teorización das contradicións: “consideramos que o pobo galego sofre unha opresión nacional e ademais unha explotación económica da clase traballadora. Por ilo non concibimos unha emancipación económica sen unha liberación, en canto nación asoballada”. ERGA criticaba como capitalismo de estado e o burocratismo na URSS, e consideraba fundamental que cada país elaborase o seu propio camiño ao socialismo, que na Galiza pasaba pola liberación nacional e a construción dunha democracia popular. Era esencial coñecer outras experiencias, mais non copialas, senón avanzar a partir do propio proceso histórico, contexto, necesidades e capacidade subxectiva.

A primeiros de maio de 1973, xa estaba en Ferrol, coa tarefa política de realizar traballo organizativo no mundo sindical. Traballei nos estaleiros Bazán e Astano, fixen varias reunións con obreiros da comarca, comprobando que CC.OO. estaba moi desfeita pola represión do 72. Pola súa banda, en Compostela e outras cidades do país, unha mocidade atrevida, plenamente protagonista, con militantes entregados, foi quen de consolidar e darlle impulso a ERGA.

"En Compostela e outras cidades do país, unha mocidade atrevida, plenamente protagonista, con militantes entregados, foi quen de consolidar e darlle impulso a ERGA".

O nacionalismo galego anticolonial, para alén dos resultados electorais, durante estes últimos 40 anos foi quen de conseguir unha ampla incidencia social, construír e consolidar fortes organizacións de masas en todos os ámbitos. Sen lugar a dúbidas foi a forza que impulsou a maioría das mobilizacións do país, ou que participou delas. O movemento nacional-popular foi esencial para resolver a prol das clases populares milleiros de conflitos e para evitar retrocesos. Sobre todo isto cómpre reflexionar e tirar ensinanzas, rectificando erros e dando folgos aos acertos. E poder así avanzar coa enerxía necesaria nesta conxuntura tan complexa e dinámica, e coa loita de clases tan agudizada polas contradicións económico-sociais e nacionais.

http://manuelmera.blogaliza.org/