A dirección pon riba da mesa un ERE de dous anos para Ferroatlántica

A empresa alega perdas económicas nos últimos tres trimestres. O cadro de persoal defende a viabilidade das factorías e denuncia que a empresa “leva tempo intentando xustificar un ERE”. Nos vindeiros días haberá xuntanzas cos alcaldes da comarca e asembleas para preparar a resposta a unha medida que os representantes sindicais entenden inxustificada.

Manifestación Ferroatlantica (Foto: GZContrainfo)
photo_camera Manifestación Ferroatlantica (Foto: GZContrainfo)

Un Expediente de regulación de emprego (ERE) de dous anos de duración, até 2012. Esta é a proposta que a dirección de Ferroatlántica puxo esta segunda feira sobre a mesa e dirixida a todas as factorías do Estado. O período de negociacións e consultas arranca este 11 de febreiro en Madrid. A dirección alega para aplicar esta medida a existencia de causas obxectivas como, indica, a acumulación de perdas durante os últimos tres trimestres.

Porén, estas xustificacións non convencen aos traballadores e traballadoras das factorías galegas. “Levan tempo intentando xustificar estas causas e esta medida”, afirma en conversa con Sermos Galiza, Xabier Santos, da CIG en Cee. “Hai un desvío intencionado de materia prima para as factorías galegas a outras unidades da empresa no Estado español e Francia e para que desde alí sirvan a clientes aos que serviamos nós”, denuncia.

Para o sindicalista, o obxectivo do ERE presentado pola dirección é “eliminar” determinadas unidades produtivas entre as que estarían as galegas. Lembra que desde o conflito que mantivo o cadro de persoal e a veciñanza da Costa da Morte contra Ferroatlántica pola intención desta de vender as centrais a situación non se normalizou totalmente. “A empresa mantén o litixio contra a Xunta para que lle deixe vendelas”, indica.

Nos vindeiros días os traballadores e traballadoras de Ferroatlántica manterán reunións con alcaldes de concellos da comarca, así como diferentes asembleas e xuntanzas para falar do novo escenario creado polo ERE e posíbeis respostas a dar.

Comentarios