ERC e DiLL terán o grupo parlamentar que lle foi negado a Amaiur en 2011

PP e PSOE din que ambas as dúas formacións cumpren co regulamento da Cámara baixa.

Estelada, bandeira pola independencia de Catalunya

ERC (9 parlamentares) e Democrácia i Llibertat (8 parlamentares) –a candidatura de Convergència ás eleccións xerais-- contarán con cadanseu grupo parlamentar no Congreso. Segundo PP e PSOE por cumpriren os requerimentos fixados no regulamento da Cámara baixa.

No concreto, contar con 5 escanos e un mínimo do 15% dos sufraxios emitidos nas circunscricións en que foi presentada a candidatura (artigo 23). Unha cuestión da que se fixo leitura através do promedio entre todas elas.

Porén, non foi así na pasada lexislatura cando Amaiur –a coligazón impulsada pola esquerda abertzale-- á que lle foi negado grupo parlamentar embora contar con 7 escanos por non ter obtido o 15% dos votos en Nafarroa (14,98%). Naquela altura non foi feito un promedio e cos votos en contra do PP e as abstencións de PSOE e CiU, a formación tivo que pasar ao Grupo Mixto.

Para vetar a Amaiur en 2011 o PP fixo unha outra interpretación do regulamento impedindo que se achase o promedio dos votos no conxunto das circunscricións

Neste senso, o Tribunal Constitucional non admitiu a trámite o recurso presentado pola esquerda abertzale ao considerar –como xa fixo noutras ocasións-- que o Congreso conta con capacidade para se autorregular, o que deixa en mans da Mesa a interpretación do regulamento.

Senado

Aliás, ERC e DiLL tamén contarán con grupo parlamentar propio no Senado. Para iso, o PSOE cederá de maneira temporal algún dos seus escanos, entre eles o do galego Ricardo Varela.

A decisión foi criticada polo PP e Podemos embora ser unha fórmula habitual na Cámara alta. Desde o partido lilá din que as estas formacións se atopan "cómodos" e que "non queren outros interlocutores", en boa medida porque a Podemos lle foi negada a posibilidade de contar con parlamentares da súa formación en 4 grupos distintos através das candidaturas de confluencia na Galiza, Catalunya e o País Valenciá.

Comentarios