Opinión

A era está parindo un corazón

Hoxe, permitídeme que cambie un pouco o rumbo da navegación. Pasaron varios días, mais a cabeza segue a pensar e a sentir, que pode facer as dúas cousas ao mesmo tempo. E o corpo, que tamén ten voz, pídeme hoxe falar dun home. Un home moi difícil de enmarcar pola inconmensurabilidade da súa figura, pola repercusión xigante da súa obra e o seu legado. Un dous máis grandes homes da nosa era.

Cando eu tiña apenas cinco anos, montada nos ombreiros do meu pai, cunha visión de privilexio dende a altura, asistía ás mobilizacións que se levaban a cabo en Uruguai a prol da revolución cubana. Era a época da guerra fría, do asalto a Praia Xirón, da crise dos mísiles, e do zapatazo sobre o seu propio estrado, de Nikita Krushchov, no escenario diverso  e impoñente das Nacións Unidas. 

Dende alí, apoiando os cóbados sobre a cabeza do meu pai, aprendín todos os cantos que se repetirían ao longo do tempo: Fidel, Fidel, que ten Fidel, que todos os ianquis non poden con el?/Fidel, Guevara, América liberada/Cuba si, ianquis non, e tantas e tantas outras. Tamén sabía moi ben aquilo de que chegara o comandante e mandara parar, e dunha historia que tiña que absolver  a Fidel, a ese grupo de dementes barbudos soñadores que tomaron o ceo por asalto.

Fidel, Fidel, que ten Fidel, que todos os ianquis non poden con el?/ Fidel, Guevara, América liberada/ Cuba si, ianquis non

Meu pai, unha das persoas máis lúcidas e coherentes que coñecín na vida, estaba feliz. Aquela revolución nunha illa do Mar Caribe, alegráballe a vida. A el, un impenitente loitador antifranquista, un perdedor de todas as batallas. E se algo facía feliz ao meu pai para min a felicidade era completa e se enchía de pizza, mozarella, faina e algodón de azucre. Eu xa sabía aos cinco anos que algo moi importante se estaba a cociñar nesa pequena illa chea de música e cores que amolaba arreo ao Tío Sam. E que era tarefa de todas e todos os revolucionarios defender a revolución cubana e mesmo reproducila na medida en que fose posíbel.

Despois medrei. Nunha Latinoamérica convulsa, chea de desigualdades sociais, co imperio asoballando e fomentando ditaduras e coas oligarquías vernáculas apoiando e a encher as arcas. Centos, seica milleiros de batallas. Moitas perdidas, algunhas gañadas. Rabuñadas aos grandes poderes, pequenas e grandes conquistas que nos dignificaron coma humanos. Que nos fixeron críticos e críticas, maduras, mais non apoucaron nin un pouco, na maioría dos casos, os nosos desexos de transformar o mundo nun lugar máis xusto e máis amábel.

E a revolución cubana seguía en pé. Malia todo. Corenta anos de bloqueo, centos de intentos de asasinar Fidel, o asasinato do Che en Bolivia, a “Gusanera” activa e belicosa, a URSS que se esbarrancaba, os muros que caían, e os propios erros, que obviamente os houbo, e moitos. Nada diso detivo o sentir dun pobo que quería igualdade, educación, saúde, e que, segundo din as cifras e as estatísticas e os informes dos organismos internacionais nada sospeitosos de se adherir ao castrismo, o conseguiron.

Por iso hoxe só poden festexar esta morte os vermes da Florida, os Trump-osos, os Macris, os Temeres, os Rajoyes, os que están sementando o mundo de miseria, de desigualdade, de dor. A mala xente que camiña e vai apestando a terra, que diría don Antonio Machado.

Hoxe só poden festexar esta morte os vermes da Florida, os Trump-osos, os Macris, os Temeres, os Rajoyes, os que están sementando o mundo de miseria, de desigualdade, de dor

O resto, as e os desposuídos, as e os idealistas, as e os bos e xenerosos, non temos nada que festexar. Todas e todos aos que nos dá noxo o rumbo que está a tomar o planeta por culpa dunhas políticas inhumanas non temos ren que festexar. 

E por iso quixen dicir algo de Fidel, dese galego universal do que nunca se terá dito abondo. Porque polas bocas de seudo progres saen palabras que parecen aprendidas na Escola das Américas, porque a moita xente lle falta o valor de dicir o que de verdade pensa, e porque non renuncio en absoluto á crítica nin aos cuestionamentos, mais trato de ver máis aló do meu nariz.

E agora vouvos transcribir parte dun discurso no que sexa el mesmo quen fale das mulleres:

“..Esta loita contra a discriminación da muller, esta loita pola igualdade da muller e pola integración da muller, debe realizala toda a sociedade. E é tarefa, en primeiro lugar do noso Partido, é tarefa das nosas institucións educativas, é tarefa de todas as nosas organizacións de masas... E é que cando se xulgue á nosa revolución nos anos futuros, unha das cuestións polas cales nos xulgarán será a forma en que resolvamos, na nosa sociedade e na nosa patria, os problemas da muller, aínda que se trate dun dos problemas da revolución que requiren máis tenacidade, máis firmeza, máis constancia e máis  esforzo... E non vexo por que haxa de asustarse ninguén, porque do que debemos ASUSTARNOS realmente coma REVOLUCIONARIOS, é de que teñamos que admitir a realidade de que aínda non hai absoluta igualdade da muller no seo da nosa sociedade..." (FIDEL CASTRO ante o 2° Congreso Federativo de Mulleres Cubanas, 1974).

Seica tamén quedou este obxectivo pendente, Comandante, mais a historia non só o absolveu senón que está vostede alumando coma o Faro de Alexandría, nun mundo cada vez máis cheo de escuridade.

Comentarios