Esta liña de traballo, que vén de conseguir o apoio económico do Instituto de Saúde Carlos III, baseáse nunha metodoloxía do CiQUS patentada na USC que permite resultados en tempos reducidos e baixo custo.
Trátase, como explica a Nós Diario o seu impulsor, dunha "metodoloxía propia" que permite aplicacións variadas, tanto médicas como industriais. "Unha das máis interesantes é para as vacinas", sinala Martínez Costas, que indica que as probas efectuadas con outros dous virus tiveron resultados satisfactorios e xa están publicadas.
"Con este sistema podemos facer que as células constrúan unhas partículas e 'metan' dentro as proteínas do patóxeno que queiramos. Esas microesferas purifícanse moi rápido, ademais, o material particulado estimula moi ben o sistema inmune", expón o investigador, que salienta que o proceso "resulta sinxelo porque o fai a propia célula".
"Se un quere crear en laboratorio partículas coas proteínas dun patóxeno ten, dunha parte, que facer as proteínas e purificalas, doutra, facer algo que xere unha partícula e purificar de novo e despois acoplar ambas as dúas, volver purificar e esperar que se comporten igual que sen as proteínas. No noso caso, a célula fai todo ese traballo por nós, de maneira que é moi rápido, sinxelo e novidoso", subliña.
Como salienta, a "capacidade intrínseca" para estimular o sistema inmune converte ademais estas microesferas en "ideais como vacinas para o coronavirus", unha doenza que incide de forma acusada en persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune adoita estar debilitado.
Malia que Martínez Costas destaca a axilidade do sistema, o proceso até o seu uso ten un percorrido de "non menos dun ano", por todas as probas necesarias. Con todo, marca como obxectivo o actual brote do coronavirus.
"Hai que ter en conta que a permanencia da pandemia é unha posibilidade bastante real, aínda que ninguén pode dicir agora mesmo como vai evolucionar. Un dos escenarios posíbeis, se non obtemos unha vacina, é que a situación se prolongue, non indefinidamente pero si durante unha tempada longa. Vai levar tempo eliminar o virus", avalía. De aí que vexa "positivo" calquera busca doutra vacina. "Nunca se sabe, a priori, cal vai ser máis efectiva ou mesmo se, combinando varias, vas ter unha resposta máis potente", apunta.
Segundo prevé o investigador, as microesferas nas que traballa o laboratorio estarán listas "en dúas ou tres semanas, un mes como máximo". O seguinte paso é enviar esas probas ao Centro de Investigación en Sanidade Animal do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria, en Madrid, a outra metade do proxecto, onde se realizará a caracterización da resposta inmune desas partículas.
"Se conseguimos a tempo os permisos e un pouco máis de financiamento poderiamos simultanear a caracterización da resposta inmune cunha primeira proba de vacina nun animal prototipo", aventura o experto. Sería unha proba preclínica, que daría paso aos ensaios noutros animais, para despois iniciar as probas en seres humanos.