O obxectivo deste estudo, segundo destaca o equipo investigador, pasa por analizar os cambios producidos durante a corentena nos fogares con menores de idade e explorar a compresión sobre a percepción das nais e pais sobre o xogo no fogar antes e durante o confinamento, de cara a mellorar as perspectivas sobre o dereito ao xogo na infancia.
A investigación parte dunha enquisa a nivel estatal, que nos primeiros días desde a súa posta en marcha acumula xa máis de 350 opinións. O equipo destaca que o cuestionario foi validado por persoal investigador e experto universitario e independente.
"Esta investigación suporá unha boa oportunidade para incrementar o coñecemento sobre o xogo na infancia, un dereito esquecido e maltratado pola sociedade adulta. Ademais, é unha magnifica ocasión para mellorar a comprensión sobre a realidade lúdica nos fogares e na sociedade en xeral", sinalan as súas impulsoras.