EPA: aumenta o paro na Galiza no terceiro trimestre

A taxa de paro sobe en 3.100 persoas e xa chega ás 143.500 persoas desempregadas.

photo_camera Persoal laboral [Imaxe: Cedida]

O paro subiu en 3.100 persoas no terceiro trimestre na Galiza en relación co trimestre anterior (+2,2%), chegando até as 143.500 persoas desempregadas. A taxa queda no 11,5%, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada esta quinta feira 24 de outubro.

A ocupación, pola contra, medrou en 6.900 persoas neste período e chega ás 1.105.700 ocupadas. Deste xeito, a taxa de ocupación elévase en 0,2 puntos até o 47,3%.

Deste xeito Galiza rexistra o sexto aumento relativo do paro. Respecto ao mesmo trimestre de 2018, a caída do desemprego foi en 9.500 persoas, un 6,2% menos. As persoas ocupadas son 9.200 máis que 12 meses atrás, un 0,8% máis. A taxa d paro é menor nos homes (9,8%) que nas mulleres (13,3%).

Estes datos evidencian, para o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, que  “o noso xa cativo mercado laboral é incapaz de absorber este tímido incremento de poboación activa, nin sequera coincidindo co período estival, no que se adoitan producir fortes subidas de emprego relacionados coa contratación no sector Servizos”.

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, alerta dos "grandes desequilibrios" nos sectores produtivos. «"Galiza debe apostar polo emprego industrial e polos servizos de alta calidade", enfatiza. Segundo a sindicalista, "o modelo vixente está intimamente ligado á conxuntura", polo que cando esta cambia, pérdese o emprego asociado. "Galiza precisa un modelo produtivo diversificado, no que primen o coñecemento e o valor engadido", insiste.

Comentarios