Imprimir

“A magnitude do problema dos xurros está aí e a saúde das persoas é prioritaria”

Erik Dobaño | 22 de outubro de 2019

Elvira Lama (PSOE), alcaldesa de Xinzo de Limia. 
Abaixo: a canle de Antela a finais do verán.
Elvira Lama (PSOE), alcaldesa de Xinzo de Limia. Abaixo: a canle de Antela a finais do verán.
Elvira Lama (Xinzo de Limia, 1963) é licenciada en Xeografía e Historia pola USC. A alcaldesa de Xinzo, a primeira muller, entrou na corporación por vez primeira en 2003 co PSOE. Leva apenas catro meses no cargo xestionando a pesada herdanza de dezaseis anos do PP, mais o asunto que a ten preocupada é outra cuestión que ten a ver co desleixo de todas as Administracións por riba da local: a contaminación en augas subterráneas e superficiais, empezando polo río Limia. 

“Non se pode seguir pretendendo tapar o sol cun dedo. A magnitude do problema dos xurros está aí e a saúde das persoas é prioritaria. Tamén a do medio ambiente, porque esta comarca depende economicamente do sector primario”.

Que informes ten o Concello de Xinzo sobre a calidade da auga no municipio?

Mensualmente recibimos o informe da concesionaria, Viaqua. Tómanse mostras en edificios públicos, como o centro de saúde ou nos colexios, tamén en instalacións deportivas. Os datos din que a auga que sae da billa está en perfecto estado. Pero, por suposto, sabemos do problema das augas da Limia. Augas soterradas e mesmo superficiais que están sen tratar. Somos conscientes do que din os datos da Consellaría de Sanidade e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). E calquera veciña pode ver como toda a achega de nutrientes procedentes da gandaría ou da agricultura fai que a vexetación no propio leito do Limia creza de maneira exponencial. 

Onde capta a auga o Concello?

Recollémola en pozos. Esa auga pasa por unha planta potabilizadora, vai a un depósito e chega ás casas a través da rede de abastecemento.

En 2015 deixouse de utilizar a auga do encoro de Gundín, no río Faramontaos, por un proceso de eutrofización similar ao das Conchas…

Ollo, esas augas nunca se utilizaron para a traída. Eran para outras tarefas, como regar. Para consumo humano, eu non lembro… Esa concesión rematou e o que o Concello de Xinzo acaba de solicitar á CHMS é que se elimine o obstáculo, a presa. É o máis intelixente. 

A solución pasa por tratar os xurros, porque os xurros que se producen diariamente, dada a carga gandeira, exceden en moito os que pode asumir a terra para a agricultura

O Limia, ao seu paso por Xinzo, úsase para o baño ou para outras actividades humanas?

Non. E non se usa por unha sinxela razón: temos unha capa freática ‘rente’ ao chan, despois está un manto de area e despois está o acuífero, e cando ese acuífero baixa, as augas superficiais tenden a desaparecer pola seca. Nuns anos como estes últimos, con poucas precipitacións, cando chega xullo e agosto o río ao seu paso pola vila practicamente está seco. 

Ten coñecemento de que pediatras en Xinzo recomendaron non usar a auga da traída para darlles de beber aos bebés?

Non, non teño coñecemento.

Algas e vexetación na canle de Antela, a finais do verán.Preocúpalle que poida estar comprometido o futuro da calidade das augas para consumo humano dada a contaminación que se rexistra en parte das augas da Limia?

Por suposto. E aquí, como en calquera vila do país, hai moitísima vivenda que quedou fóra de ordenación, casas que se construíron en zona periurbana e nas que se fixeron pozos e que poden estar sufrindo problemas de contaminación. Sabemos que a comarca soporta unha carga gandeira importante e levamos anos, eu desde o grupo socialista e agora desde o Goberno municipal, demandando de todas as administracións competentes que se poñan solucións, empezando por unha planta de tratamento de xurros…

Pero ese pozos dos que fala, son pozos fóra do control das autoridades?

Son pozos privados que deben cumprir uns requisitos e levan un trámite administrativo. Iso desde hai uns anos, porque antes pode que algúns foran feitos daquela maneira... Eses pozos deben ser autorizados, mais o control depende do propietario. O Concello exerce o control sistemático sobre a traída, pero non sobre o que fai cada un na súa casa ou na súa horta coa auga do seu pozo privado. E tamén pasa coas fontes que pode haber en calquera aldea e que non están sometidas a ningún tipo de tratamento. A xente debe ter un pouco de precaución.

Até que punto considera que existe alarma social na comarca pola situación das augas?

Non é de agora. Leva anos. E leva anos falándose del. O que sucede agora é que está sobre a mesa das administracións, da Xunta, da CHMS, dos concellos… Hai un problema, hai que abordalo, isto non se pode ignorar máis. E non se trata de culpabilizar a ninguén. Trátase de poñerlle solución se queremos que A Limia teña futuro. E a solución pasa por tratar os xurros, porque os xurros que se producen diariamente, dada a carga gandeira, exceden en moito os que pode asumir a terra para a agricultura. 

Que é o máis urxente?

Noutros sitios, ao ver as orellas ao lobo buscaron alternativas. Hai que poñer plantas de tratamento. Si, houbo unha que fechou hai uns oito anos e non daba abasto. Hai comprometida outra por parte da Xunta. Veremos nos orzamentos que se tramitan estes días no Parlamento se aparece ou non. Agora desde o Ministerio de Transición Ecolóxico estase advertindo sobre a posibilidade de declarar zonas vulnerábeis. Veremos que pasa. Oxalá que non pase, porque aquí hai moita xente que vive da agricultura e da gandaría e precisa auga para regar e para darlle de beber aos animais.

Nesta comarca hai moita xente vivindo directa ou indirectamente de traballos para Coren. Mais iso non significa que poidan facer aquí o que lle dea a gana. Empecemos a ordenar todo.

Na Mesa da Limia, que se reuniu en abril e en setembro, chegouse a falar dunha moratoria na construción de granxas como piden os ecoloxistas e algúns científicos?

Non se falou de moratoria. O conselleiro dixo que se faría catro plantas de tratamento de xurro no país. A primeira delas, na Limia. Veremos. Porque ten que ter unha tradución en cartos.

Cal é a actitude de Coren nesa mesa?

Pois paréceme que eles tamén están preocupados. Teñen moita xente traballando e teñen unha imaxe que queren manter. Nesta comarca hai moita xente vivindo directa ou indirectamente de traballos para Coren. Mais iso non significa que poidan facer aquí o que lle dea a gana. Empecemos a ordenar todo. Me imaxino que serán os primeiros interesados.

Que opina de que concellos como Bande ou Muíños prohibiran o baño nas Conchas e que en Sandiás hai un mes se tivera que cancelar o subministro a unha poboación durante case un día?

Os Concellos asumen o seu deber. Non se trata da presión de Sanidade, son os datos. Cando veñen os datos e che din que hai que suspender o subministro, pois é unha cuestión de responsabilidade. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/entrevista-elvira-lama-alcaldesa-xinzo-limia/20191019121238085533.html


© 2020 Nós Diario