TERRITORIO

Entre a parroquia e o concello

Se un veciño da parroquia de Berán, en Leiro, quere que lle reparen unha pista non se dirixe ao Concello. A administración está para el máis próxima: os alcaldes pedáneos das entidades menores locais xestionan ese e outros asuntos. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto_Politica
photo_camera Igrexa de San Breixo, en Berán (Leiro).

4_PoliticaUn total de 9935 persoas viven na Galiza baixo o réxime das entidades locais menores. Esta figura administrativa, de rango inferior ao de concello pero, a diferenza das parroquias, con funcións e competencias propias, non é usual no país.

Existen nove, a maior parte cara ao sur: Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Berán (Leiro), Camposancos (A Guarda), Chenlo (Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), e Queimadelos e Vilasobroso (Mondariz). “A entidade local menor é como un concello pero en pequeno, e cunhas funcións distintas”, conta a Sermos Tomás Lorenzo, que até o sábado 15 de xuño foi alcalde pedáneo de Berán polo PSOE. Derrotouno o PP. E é que o goberno destas administracións corre sorte paralela ao dos municipios.

O pasado 26 de maio, as persoas censadas nalgunha das nove atopáronse con tres urnas no colexio electoral: a das europeas, a das locais e a da pedanía. O tamén chamado presidente da xunta veciñal da entidade local menor é elixido directamente pola veciñanza, ao contrario que o alcalde do concello, escollido polos edís. O resto da corporación, un mínimo de tres –contando o pedáneo– e nunca máis dun terzo do total dos concelleiros do consistorio, toma asento en proporción aos votos de cada candidatura nos comicios municipais.

“É un método co que non se poden facer pactos nin nada. A xente da parroquia é a que decide directamente”, considera para este semanario Javier Gregores, alcalde pedáneo de Morgadáns por Ciudadanos os últimos catro anos –nun período anterior foino como independente e polo PP durante 12– e que agora deixou paso a un socialista. “O PSOE arrasou en todas partes”, resígnase. Tamén é singular o modo de financiamento. Segundo a Lei 5/1997 de Administración Local de Galiza que as regula, teñen dereito a recibir o 25% dos tributos recadados na parroquia.

A maiores, poden xestionar montes en man común –cada vez menos, a miúdo pasaron a mans das xuntas de propietarios– ou concesións. Co orzamento anual manteñen limpos pistas e camiños, acondicionan fontes ou encárganse de subvencionar entidades deportivas e culturais. Mais, como adoita suceder, é nos cartos que residen as dificultades máis serias.

“Existen poucas vías de financiamento”, protesta Alexandre Estévez, que tomou posesión da pedanía de Vilasobroso polo BNG. Tamén denuncia o incumprimento municipal da entrega desa cuarta parte dos impostos. En Morgadáns, lembra Gregores, chegaron a xuízo para que o concello pagase.

De raíces diversas pero formalizadas durante a ditadura de Primo de Rivera, a entidade local menor é propia do noroeste peninsular, abunda en León e, dalgún xeito, é equiparábel ás xuntas de freguesía portuguesas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios