O Ensino estréase na Liga recibindo un dos favoritos

O conxunto lucense afronta este ano unha tempada en que anovou a maioría do seu plantel coa meta de seguir na máxima categoría do baloncesto. 
ensino_lugo
photo_camera Xogadoras do Ensino no último partido oficial ante o Perfumerías (Ensino Lugo)

O Durán Maquinaria Ensino recibe este sábado no Pazo, a partir das 19.15 horas, o vixente campión da Supercopa, o Perfumerías Avenida, na primeira xornada da Liga Endesa. O Ensino caeu derrotado a comezos de setembro co equipo salmantino (75-42) nun partido de pretemporada que viu o debut da pivote estadounidense de 25 anos e 1,91 metros de altura, Merritt Hempe.

De feito o conxunto lucense afronta este ano unha tempada en que anovou a maioría do seu plantel coa meta de seguir na máxima categoría do baloncesto. Un obxectivo complicado especialmente nesta campaña debido aos reforzos de calidade que fixeron o resto de equipos, concretamente os seus hipotéticos rivais directos na loita pola permanencia.  

Tan só Laura Aliaga, Aleksandra Stanacev e Bea Sánchez mantéñense no Ensino con respecto á tempada pasada. As fichaxes chegaron todas de equipos estatais ─algunhas da Liga Endesa, outras da LF2─ agás a pivote Chatrice White, xogadora que chegou da liga turca. Vega Gimeno, procedente do Stadium Casablanca, onde foi compañeira de Hempe, foi o seu principal reforzo. De feito dela se agarda que lidere o Ensino. Tamén chegou Natalie Van den Adel, aleiro neerlandesa procedente do Araski vasco. Marta Tudanca, Alba Prieto ou Alicia Villegas ─estas dúas últimas, ex xogadoras do Ensino─ aterran desde equipos da LF2.

As veteranas Aleksandra Stanacev, Laura Aliaga e Bea Sánchez serán o núcleo principal deste novo Ensino, de onde saíron esta tempada Brittany Dinkins, Ainhoa López, Kalis Loyd, Fiona O'Dwyer, Atonyie Nyingifa, Shereesha Richards, Brittany Miller. Os puntos fortes do equipo lucense seguirán a ser a rapidez na mobilidade do balón e o xogo exterior.

Cantero, no leme

Á fronte, dirixindo desde o banco, estará Carlos Cantero, que o pasado mes de maio renovou como técnico do Durán Maquinaria Ensino tras unha brillante tempada. Iniciouse en outubro de 2019 cando sendo segundo de Juan Nécega, este cedeulle a testemuña de primeiro adestrador.

Cantero afrontará desta maneira a súa terceira tempada na Liga Endesa, a segunda como técnico titular. Na última logrou vitorias fronte aos potentes Perfumerías Avenida e Spar Girona, ademais de conseguir a clasificación do equipo lucense para disputar a Copa da Raíña en Salamanca.

Comentarios