Opinión

Enquisas, rupturas evitábeis e liberación nacional e social

Vexo como positiva a incorporación de Xesús Veiga como columnista de Sermos Galiza dixital, xa que sen dúbida é unha persoa con argumentos e que leva moitos anos activo na política galega. Tamén debo dicir que non sempre coincido con el nos obxectivos e no camiño que propón para acadar unha Galiza soberana e con xustiza social.

Vexo como positiva a incorporación de Xesús Veiga como columnista de Sermos Galiza dixital, xa que sen dúbida é unha persoa con argumentos e que leva moitos anos activo na política galega. Tamén debo dicir que non sempre coincido con el nos obxectivos e no camiño que propón para acadar unha Galiza soberana e con xustiza social. Nomeadamente discrepo na proposta que fai nun artigo da pasada semana, para que o nacionalismo anticolonial supere a negativa deriva electoral da última década e consiga unha maior complicidade social. Asemade, coido que as conclusións que realiza da enquisa do CIS (do ano 2009 e posterior ás eleccións autonómicas) non son as correctas ou, cando menos, pódense tirar tamén outras ben diferentes.

Cando se lle pregunta aos que votaron BNG, onde eles se situarían como nacionalistas, nunha escada do 1 ao 10, dánse unha puntuación do 6,2 e cualifican o Bloque co 8,23. Cando se trata de facer o propio coa valoración esquerda/dereita, os resultados son do 3,24 e 2,88 respectivamente (neste último caso canto máis baixo o valor, máis á esquerda). Ou sexa, que o BNG é visto como máis nacionalista e máis á esquerda que o lugar onde se sitúa a media da súa base electoral naquel intre. Segundo a análise de Xesús Veiga isto indicaría que o BNG xa daquela non sintonizaba correctamente coa súa base, polo que a perda de votos non se debería a unha suposta moderación da fronte durante a década anterior, senón que en realidade era percibida como unha forza demasiado radical. Polo que conclúe, que a viraxe na Asemblea do ano 2009 e moi especialmente en Amio foi un erro e que a ruptura de sectores que ficaron en minoría era evitábel. Ou sexa: a ruptura foi provocada por aqueles que por falta de comprensión da realidade social acentuaron o perfil nacionalista e de esquerda. Un feito que (segundo el) está confirmado polos malos resultados destas eleccións.

A anterior é unha análise que seica estaría referendada pola enquisa do CIS do ano 2009, que demostraría o afastamento da militancia do BNG da realidade social. Daquela, aínda que se consideren lexítimos os acordos de Amio, deberían rectificarse na vindeira Asemblea Nacional. Agora ben, o problema é que os datos anteriores teñen outra interpretación que coido máis coherente cos resultados das pasadas eleccións autonómicas. A saber:


1) Ao BNG vótano persoas que teñen un distinto grao de activismo, polo que fan unha valoración diferente deles e da organización. Os militantes vense case sempre como vangarda e polo tanto igual ou máis nacionalistas e de esquerda que a propia organización, mentres que os simpatizantes teñen unha valoración máis diferenciada. Asemade, a distancia entre a percepción dos votantes e a organización amosa que a fronte tiña daquela unha inmensa capacidade de atracción pola súa praxe no ámbito social e institucional, para alén da militancia organizada e dos simpatizantes máis próximos. O certo é que esas persoas optaron por votar no BNG, malia esta diferenza e non deixaron de facelo por ser máis de esquerda e moi nacionalista. Confirma que a xente que desexa cambiar as cousas procura partidos que sexan referente, que estean na primeira liña. Sería preocupante que a base social dunha organización que se define como transformadora non a vise como vangarda. Non esquezamos que se fala de promedios, polo que se tivésemos os datos desagregados veríamos que nuns casos as persoas están por riba e noutros moi por baixo do diferencial. Pola contra os partidos de vangarda sen política de masas normalmente teñen unha maior coincidencia, algo que tamén lle acontece aos que non cuestionan o sistema, que mesmo axen en función de atender as tendencias estatísticas, evidentemente moi condicionadas polas ideas hexemónicas, que lembremos son as das clases dominantes.

"A xente que desexa cambiar as cousas procura partidos que sexan referente, que estean na primeira liña."

2) Todos sabemos que o BNG foi quen de gañar a batalla historicamente a outras forzas do nacionalismo, captando a militancia e voto daqueles que puñan en primeiro plano este obxectivo, propondo alternativas claramente antiimperialistas, antimonopolistas e anticoloniais, e a autoorganización a todos os niveis. Porén tamén gañou moi cedo a batalla aos partidos comunistas (PCG, PT, MC, LCR) ligando a loita de clases á liberación nacional, mediante propostas de cambio sistémico (a ruptura). É dicir, a ANPG primeiro e o BNG despois foi capaz de unir nun proxecto a esquerda transformadora e o nacionalismo anticolonial, mesmo arrastrando sectores menos comprometidos. Por esta razón o nacionalismo galego acadou tal grao de unidade e a esquerda estatal, para alén do PSOE, non foi quen de poñer pe no país durante décadas.

Esta reflexión non forma parte do pasado, especialmente co estoupido da chamada crise. Polo que non podemos obviar que na enquisa haberá persoas que amosen maior sensibilidade no aspecto nacional e outras nos temas de clase. Lembremos máis unha vez que aínda que ambas están fortemente unidas na Galiza, as clases dominantes son as que determinan as ideas hexemónicas, polo que unha parte considerábel dos nosos votantes non ten por que ver esta relación entre clase e nación coa mesma percepción que a militancia máis comprometida. Dado que na enquisa fanse medias, o diferencial pode ser moito menor tanto no aspecto nacional como de clase, e o resultado medio enganoso, polo que segundo as prioridades ambos sectores mesmo poderían ver naquel intre a fronte como morna, non rupturista.


3) Dá forza ás análises anteriores o feito de que dende o inicio da crise, e sobre todo no último ano e medio, medraron moito as mobilizacións sindicais e sociais a todos os niveis. Ao mesmo tempo que aumentaban as situacións de marxinalidade e os dramas nos colectivos máis vulnerábeis. O crecemento da abstención, dos votos en branco e nulos son unha das respostas no ámbito electoral a esta tendencia. Son polo tanto moitas, moi variadas e non circunstanciais as demostracións de que mudou o estado de ánimo da xente cara un rexeitamento do capitalismo, aínda que sexa dun xeito moi primario. As diferencias que daba a enquisa do ano 2009 do CIS serían hoxe moi distintas; tanto que os partidos parlamentares en Galiza perden medio millón de votos, e aparece unha nova forza capaz de recoller pola esquerda, aparentemente desde fóra do sistema (as institucións) 200.000 mil votos. A hipotética base maioritariamente máis moderada do BNG, que sobrevalora Veiga, non se dirixe a opcións deste tipo, como Compromiso por Galiza, senón que o fai cara a Beiras (Anova + EU) ou fica na abstención. Ou a base nacionalista vota dun xeito esquizofrénico ou realmente nunca foi tan moderada, como se valora polas enquisas, xa que moitos nesta ocasión o fixeron por unha opción que consideran máis radical (aínda que coido que esta percepción non é correcta). Penso que todo indica que é o segundo. Non esquezamos que a base electoral dunha organización sempre está en disputa, nunca é algo consolidado, especialmente nun contexto como o actual de conxuntura, polo tanto complexo e moi dinámico. Por outra banda, non se pode ignorar que non existe mellor enquisa que aquela que recollen miles de militantes activos do BNG acotío nas organizacións de base (sindical, veciñal, estudantil, ecoloxista, etc.), porque ademais permite distinguir entre a opinión dos cadros e persoas máis activas e aquelas que teñen un menor compromiso.

"No último ano e medio, medraron moito as mobilizacións sindicais e sociais a todos os niveis"


4) Tampouco se pode ignorar que na Asemblea Nacional de Amio as teses programáticas foron aprobadas por dous de cada tres dos presentes (1.997 a favor e 990 en contra). Participan nestes debates os militantes máis comprometidos e activos, onde a disputa do poder está claramente ligada aos obxectivos, caracterización da sociedade e métodos de traballo. As votacións posteriores, máis apertadas, que foron exclusivamente polos cargos, non teñen o mesmo valor aínda que a participación fose maior ao atinxir os 4.500 afiliados/as. Xa no ano 2009 a militancia aprobou unha viraxe a esquerda, mais en todo este período non foron poucos os atrancos internos que frearon a aplicación completa dos acordos. En todo caso, no ano 2012 a tendencia era moito máis forte, porque resultaba evidente que sectores importantes da clase traballadora e da mocidade pedían máis contundencia e menos acomodación ao sistema. O proceso de acomodación colleu forza cos acordos entre Beiras e Fraga e consolidáronse co chamado “quintanismo”. Non foi polo tanto unha casualidade nen unha arroutada que dúas terceiras partes votaran en Amio pola República Galega, pola redistribución da riqueza, por unha organización que dera maior participación e protagonismo ás clases populares. Houbo sectores que non aceptaron as decisións e optaron pola ruptura. Pretender agora que a maioría aceptara unha liña máis moderada, para garantir a unidade, non parece que sexan precisamente os alicerces sobre os que construír unha organización democrática e cun carácter transformador.

Coido que pode aproximarse moito á realidade que o BNG puido perder uns 50.000 votos que optaron por AGE e outros tantos que ficaron na abstención. Nos dous casos incidiu a división do nacionalismo, o papel dos medios hexemónicos e non ter clarificado axeitadamente diante da pobo galego as distintas posturas no debate interno e cales foron as decisións da militancia. Porén estas eivas terían moito menor impacto se o BNG non tivese sufrido unha deriva reformista durante unha década, e se non se adiaran tanto as correccións. Aínda hoxe, os acordos de Amio trasládanse só parcialmente á sociedade.


"O proceso de acomodación colleu forza cos acordos entre Beiras e Fraga e consolidáronse co chamado “quintanismo”.

Estamos nunha conxuntura na que a loita de clases é moi forte, e na que propoñer reformas é pura utopía, cando o que se dan acotío son retrocesos. Para poder avanzar cómpre derrotar total ou parcialmente as clases dominantes. Polo tanto son necesarios os mesmos esforzos para a reforma que para a ruptura (Estado Galego, alternativa á UE e ao euro, xustiza social, nacionalización sectores estratéxicos, oposición á globalización, etc.). É tempo de propoñerlle un novo modelo de sociedade ao noso pobo, de ilusionalo coa xustiza social e a imprescindíbel liberación nacional. É necesario levar o acordado nas asembleas pola militancia, como a de Amio, ao conxunto da sociedade, rematando con calquera tipo de paternalismo ou acomodación oportunista do discurso. Ademais cómpre facelo a todos os niveis da organización e en todos os eidos do traballo militante.

O nacionalismo galego anticolonial hai anos que perde folgos no eido institucional e social, agás no mundo do traballo. Non foi así neste último caso porque mantivo actitudes máis combativas, antisistémicas. Isto débenos facer reflexionar a todos e todas. Malia estes retrocesos, o BNG ten unha militancia numerosa, moi activa, inserida nos sectores máis dinámicos e conflitivos, e que está na primeira liña das loitas reivindicativas. Ofrezamos polo tanto á xente un proxecto audaz e cunha liña política clara (a base, son os acordos de Amio), impliquémonos máis nas loitas sociais, vinculemos a xestión e a reivindicación ao proxecto estratéxico, sexamos abertos na procura das alianzas, encetando por outras forzas do nacionalismo de esquerda. Fagamos a unidade con base na práctica e non no oportunismo, ou sexa: hai que construíla na loita reivindicativa e nas propostas institucionais ligadas a esta. Toda esta forza será imprescindíbel para o cambio, para a ruptura, para a liberación. As clases dominantes intentarán evitala sempre e por todos os medios, non nos autolimitemos, especialmente cando a xente chora de noxo e xenreira, esmagan arreo a nosa identidade colectiva, e as clases populares procuran alternativas de combate. Atrevámonos a tocar o ceo ... É o momento.

 Manuel Mera