Resumo de sondaxes

As enquisas confirman a forza do nacionalismo en Euskadi e Catalunya e a volta do BNG ao Congreso

As sondaxes publicadas nos últimos días demostran a fortaleza das formacións nacionalistas en Euskadi e en Catalunya. Na Galiza, rexistran a volta do BNG ao Congreso. As nacións sen Estado seguen a fechar as portas ao ultraespañolismo de Vox.

Colexio electoral na Coruña
photo_camera Colexio electoral na Coruña

A menos dun mes do inicio da campaña electoral do 10-N, distintos medios fan públicas enquisas que reflicten a fortaleza do nacionalismo en Euskadi e Catalunya.

Euskadi

Segundo o CIS, o PNV e Bildu situaríanse como as forzas máis votadas. Así, o PNV acadaría o 1,6% das papeletas e Bildu, o 1,2% no conxunto do Estado.

A enquisa de Gad3 para ABC outorga ao PNV os 6 escanos, ao pasar do 1,5% do apoio en abril ao 1,6%. Bildu manteríase nos 4, co 1% do apoio, o mesmo que en abril. A enquisa de 40DB para El País, dá a PNV 7 representantes e a EH Bildu 2 e a de Celeste-Tel para El Diario dálle 6 escanos ao PNV (1,6%) e 4 a Bildu (1,1%).

A de Sondaxe para La Voz de Galicia, que sae este domingo, outorga 6 ao PNV e 4 a EH-Bildu. A última de EiTB coloca o PNV como o partido hexemónico en Euskadi ao manter os 6 escanos que logrou en abril. EH Bildu perdería unha e ficaría con 3.

Catalunya

Segundo o CIS, ERC recuncaría á cabeza en Catalunya, co 3,7% dos votos no conxunto do Estado, unha cifra lixeiramente inferior á lograda en abril. Caería seis décimas a respeito do 28 de abril, segundo o CIS, Junts per Catalunya, liderada por Carles Puigdemont.

A enquisa de Gad3 para ABC dálle a ERC 15 escanos, os mesmos que tiña, cunha porcentaxe de voto do 3,9%, a mesma que o 28-A.

A sondaxe de 40DB para El País outorga a ERC 14 representantes e a JxCat, 6.

A de Celeste-Tel para El Diario dá 16 a ERC (cun 4,2% fronte ao 3,9% de abril) e 7 a JxCat (1,7% fronte ao 1,9% de abril), mentres que a de Sondaxe para La Voz de Galicia dá 14 a ERC e 6 a JxCat.

Galiza

A respeito do nacionalismo galego, a última enquisa do CIS volve ter en conta o BNG, ao que dá unha porcentaxe de voto máis simpatía do 0,3% a nivel Estado. No barómetro de xullo de 2011, o último ordinario (como o do 26 de setembro) publicado antes das eleccións de novembro de 2011 –a última vez que o Bloque obtivera escanos en Madrid–, a porcentaxe de voto máis simpatía para as nacionalistas galegas no conxunto do Estado era do 0,2%. Unha mostra que apuntaría á volta do BNG á Carrera de San Jerónimo.

Por outra banda, o traballo de Sondaxe para La Voz de Galiza apunta ao regreso BNG a Madrid, onde as nacionalistas obterían un representante, cunha estimación de voto do 0,5% a nivel estatal.

Na mañá do domingo, o secretario de Comunicación do BNG, puxo de manifesto, en declaracións aos medios, que as últimas enquisas "indican con claridade a tendencia á alza" do Bloque e, por tanto, "as absolutas posibilidades que temos de obter representación nas eleccións do 10 de novembro e que a sociedade galega volva ter unha voz propia en Madrid".

Comentarios