Xornada electoral en Catalunya

Enquisa TV3: o independentismo amplía a súa maioría e ERC e PSC disputan ser a forza máis votada

A suma de ERC, Junts e CUP obtería entre 73 e 78 dos 135 escanos do Parlament. Esquerra e PSC loitarían por ser a primeira forza, Vox entraría na Cámara superando o PP e Ciudadanos. En Comú baixa e o PDECat ten posibilidades de entrar no Parlament. Outras sondaxes (El Periódico. El Español ou el Nacional) apontarían, porén, a unha vitoria de Junts
rostros
photo_camera (Imaxe: TV3)

(En ampliación)

A enquisa de GAD3 para a Televisión de Catalunya, realizada en base a entrevistas a máis de 8.000 persoas, apunta a unha nova maioría independentista no Parlament de Catalunya. As tres forzas soberanistas (Junts per Catalunya, ERC e CUP) sumarían entre 73 e 78 dos 135 deputados e deputadas do Parlament. Por riba dos 68 que marcan a maioría absoluta. Ademais, esa suma superaría o 50% dos votos.

Segundo esta sondaxe, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e PSC estarían disputándose ser a primeira forza. Os socialistas atinxirían 24,5% dos votos e entre 34 e 36 escanos. Esquerra tería 24,3% e entre 36-38 representantes.

A terceira forza sería Junts per Catalunya, con entre 30 e 33 escanos e 20,5% dos apoios nas urnas Así pois, Esquerra e Junts poderían repetir Goberno: no arco máis baixo que lles dá esta enquisa sumarían entre os dous 66 deputados (os que obtiveron en 2017) e no máis alto, 71. 

Ademais, a CUP sobe de 4 a 7 representantes e lograría 5,4% dos votos. Un aumento que reforza a maioría independnetista na Cámara catalá. Ademais, de obter PDECat representación (o traballo di que tería entre 0 e 2), isto reforzaría os números do campo soberanista.

O independentismo, ademais, superaría 50% dos votos. 

Ciudadanos, tal e como apuntaban todas as sondaxes, rexistra unha forte caída e pasa dos 36 escanos obtidos en 2017 a ter agora entre 6 e 7. Os mesmos que o traballo de GAD3 lle dá a Vox (que superaría os laranxas en votos: 5,9% fronte a 5,3%.

En Comú Podem baixa de 8 a 6-7 deputados e deputadas; PP que tiña 4 terá entre 4 e 5 e Vox entraría con forza, con 7 escanos. A sondaxe di que PDECat podería ter entre 0 e 2 escanos.  

Outras enquisas

Porén, outras enquisas que se deron a coñecer unha vez fechados os colexios electorais apontarían a un resultado diferente a este de TV3 e Catalunya Ràdio. Así, para El Periódico hai un triplo empate entre Junts, PSC e ERC, movéndose entre 31 e 33 escanos. 

Nesa liña, desde Elnacional.cat a súa enquisa outorga a vitoria a Junts, con 31-33 deputados, por 39-32 do PSC e 28-29 de ERC. Por último, El Español concede 34-36 a Junts, 29-31 a PSC e 27-29 a Esquerra

Gañador

As enquisas indicaban que destas eleccións non sairía un claro gañador, se ben desde un principio da ‘carreira’ electoral sobre a mesa había tres interrogantes principais a disipar polas urnas: se seguiría o independentismo a ter a maioría no Parlament; se o denominado ‘efecta Illa’ levaría ou non o PSC a ser a lista máis votada este 14-F; e cal sería a reconfiguración de forzas dentro de cada bloque: soberanista e ‘unionista’.

Máis de cinco millóns de cataláns e catalás estaban chamados a votar nestas eleccións, marcadas pola pandemia da Covid-19, a concorrencia de nove forzas políticas e a sombra das previsións que apuntan a unha baixa participación da cidadanía.

Un total de 2.763 locais electorais repartítonse polo territorio, 83 máis que nos últimos comicios ao Parlamento, e o número de mesas ascende a 9.139, 900 máis que hai tres anos.

A campaña

As formacións que concorren a estas eleccións: ERC, JxCat, PdeCat, CUP, En Comú Podem, PSC (Partido Socialista), PP (Partido Popular), C’s (Cidadáns) e Vox, despediron a campaña electoral con chamadas ao voto útil e á importancia de que abstencionistas e persoas indecisas se acheguen a votar neste 14-F.

As sondaxes daban un triplo empate técnico entre ERC (Esquerra Republicana), el PSC i JxCat (Junts per Cat). Por iso tivo especial relevancia a sexta feira e as mensaxes finais que cada partido enviou ao electorado.

ERC e JxCat rivalizaron até o final para posicionarse como o voto útil independentista. Mais sobre a mesa hai varias opcións de goberno: repetir un Govern entre Junst e ERC coa suma da CUP; un tripartico ERC, PSC e En Comú Podem; un goberno sen independentistas liderado polo PSC; e mesmo un goberno moi amplo, como propón ERC, con Jun, os comúns, CUP e PdeCat.

Comentarios