Enma Pedreira e a quebequesa Carole David suman versos no Ágora

A galega Enma Pedreira e a quebequesa Carole David son as protagonistas da nova sesión do ciclo Poetas Di(n)Versos dirixido por Yolanda Castaño que terá lugar o luns día 10 ás 20.30 horas no Auditorio do Centro Ágora da Coruña.
Enma Pedreira
photo_camera Enma Pedreira

A coruñesa Enma Pedreira, unha das voces máis sólidas da nosa poesía actual, compartirá escenario lírico coa quebequesa Carole David, que por ves primeira se achega ao noso país para recitar os seus versos desde Canadá. Máis unha vez, como ven sendo habitual no ciclo, o recitado e o encontro poético significará un achegamento da obra de Carole David á nosa lingua e a posibilidade de encontro co público a través da sesión habitual de sinaturas de exemplares. 

Desta volta, o encontro permitirá volver á poesía de Emma Pedreira, unha autora que, mália a súa mocidade, conta na súa traxectoria xa con nove libros de poesía e outros tantos premios o que a sitúan nun lugar destacado no panorama literario actual. Carole David naceu en Montreal en 1954 e conta cunha dilatada traxectoria literaria na que, alén de seis poemarios pódense atopar dúas novelas, relatos e columnas e ensaio nunha actividade que se completa coa pertenza a varios consellos de redacción de revistas, asesorías editoriais ou a presidencia da Casa da Poesía de Montreal.
Dúas mulleres serán tamén as protagonistas da próxima sesión de “Poetas di(n) versos”, xa por volta do inicio do próximo ano. O día 14 de novo na Ágora, a ourensá Chus Pato conxugará a súa poesía coa da exipcia Iman Mersal.

Comentarios