Unha de cada tres prazas de enfermeira en oito áreas sanitarias galegas traballa en precario con emprego temporal. Esta é unha das conclusións do estudo distribuído aos medios esta quinta feira polo colectivo de profesionais que levan meses organizadas para denunciar o desleixo no Sergas.
As enfermeiras advirten que os datos tirados nalgún dos distritos son máis elevados cos publicados hai dous anos polo Consello de Contas, que situaban o índice de temporalidade entre o colectivo en 40% en Atención Especializada en 28% en Atención Primaria. Con datos dun ano antes, 2016, observábase, sinalan as enfermeiras, que os efectivos de persoal fixo baixaran mentres aumentaban as interinas.
As enfermeiras elaboraron o informe con datos recollidos entre o persoal das áreas sanitarias da Coruña, A Mariña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense e O Salnés, nas que do total de 3.495 traballadoras e traballadores, 1.044 prazas corresponden a vacantes e 213 a ocos libres cubertos mediante a acumulación de tarefas.
Malia que a media reflicte unha taxa de temporalidade do 36%, en áreas como a da Coruña alcanza o 42%, en Monforte é do 39% e en Lugo, do 38%.