Oriente Próximo

Enésima pexa de Trump ao Estado palestino

A decisión da Administración estadounidense de considerar que as colonias israelís en Cisxordania están en concordancia co dereito internacional -en contra da posición bipartidista común de máis de catro décadas en Washington- súmase a outras medidas do actual presidente que inclinan a balanza cara aos intereses de Israel no conflito con Palestina. Alén disto, o inquilino da Casa Branca bótalle un xeneroso cabo ao primeiro ministro en funcións, Benjamin Netanyahu. 
Netanyahu_Trump
photo_camera Propaganda electoral do Likud nos comicios lexislativos de setembro [Europa Press]

O árbitro na disputa entre israelís e palestinos pola distribución dun territorio que partillan volveu tomar partido pola facción sionista. Unha pedra máis das varias postas pola Administración Trump desde a súa chegada á Casa Branca en xaneiro de 2017 nun só dos pratos da balanza. Mike Pompeo, o secretario de Estado dos Estados Unidos (equivalente a un ministro de Asuntos Exteriores europeo), facía o anuncio esta segunda feira: o estabelecemento de asentamentos israelís en Cisxordania «non é per se incompatíbel co dereito internacional». 

Até o de agora, a política do Goberno estadounidense sobre este tema asentaba os seus piares no coñecido como Memorando Hansell, de 1978, unha directiva elaborada polo gabinete legal do Departamento do Estado durante a Administración Carter na que se consideraba que os asentamentos civís en Cisxordania eran «incompatíbeis co dereito internacional». 


Desde entón -agás Ronald Reagan, que en 1981 discrepou con esta conclusión- os diferentes presidentes dos EUA mantiveron até agora esta postura. É dicir: consideraren os asentamentos «ilexítimos» -aínda que non «ilegais»-, ao tempo que dan cobertura a Israel ante as numerosas resolucións condenatorias aprobadas pola ONU. Con todo, a finais de 2016, nunha das últimas medidas da Administración Obama, os EUA non vetaron -ausentándose da votación- unha resolución da ONU que reclamaba a fin dos asentamentos ilegais.

Resolucións

«Dicir do estabelecemento de asentamentos civís que son incompatíbeis co dereito internacional non funcionou, non promoveu a causa da paz», declaraba Pompeo nesa mesma conferencia de prensa, na que tamén reflexionou que «a dura verdade é que nunca haberá unha resolución xudicial para o conflito, e os argumentos sobre quen ten razón e quen non son un tema de dereito internacional que non traerá a paz».


É o dereito internacional ao que fai referencia o secretario de Estado estadounidense o que até o de agora estaba poñendo os alicerces na construción dun escenario minimamente estábel para a complicada resolución do conflito e que, na opinión máis estendida na comunidade internacional, pasa pola instauración de dous estados. 

O Convenio de Xenebra prohibe que unha nación ocupante traspase a súa poboación a un territorio ocupado


Os asentamentos israelís están localizados en territorios que foran asignados ao Estado árabe de Palestina pola ONU en 1947 a través da resolución 181. A súa orixe está na Guerra dos Seis Días, de 1967. Israel apropiouse deses territorios (e de Xerusalén Leste) a raíz deste conflito bélico e, malia que o Cuarto Convenio de Xenebra (GCIV, de 1949) prohibe que unha nación ocupante traspase a súa poboación a un territorio ocupado, o Goberno israelí iniciou a construción destes asentamentos. Na actualidade hai 140 colonias, onde viven máis de 600 mil cidadás e cidadáns israelís. 


Porén, Israel considera que o GCIV non se pode aplicar neste caso xa que Cisxordania non é tecnicamente un territorio ocupado, senón resultado dunha guerra defensiva, e basea este dereito no Mandato para Palestina (1922) da Liga das Nacións, preservada pola Carta das Nacións Unidas.

Medidas de Trump

Non obstante, as numerosas resolucións aprobadas pola ONU consideran estas zonas de Cisxordania e mais Xerusalén Leste como territorios ocupados e estabelecen que os asentamentos son ilegais. Mais a existencia destes vai alén da mera batalla xurídica: complica que se chegue a un acordo de paz -o longamente agardado plan de paz que preparan os EUA nacerá morto- e dificulta en gran medida a creación dun Estado palestino.


O anuncio do Departamento de Estado é unha pexa máis nese camiño e súmase as tomadas por Donald Trump nestes case tres anos de Goberno contra os intereses palestinos e dos países árabes. En 2017, o Goberno dos EUA recoñeceu Xerusalén como capital de Israel e en 2018 alí abriu formalmente unha embaixada, malia que previamente a postura era que as partes en conflito decidisen o estatus da cidade.

Os EUA recoñeceron este ano a anexión en 1981 por parte de Israel do territorio ocupado a Siria dos Altos do Golán


Tamén en 2018 tomou a decisión de recortar as súas contribucións á UNRWA, a oficina da ONU de axuda aos refuxiados palestinos. E no presente ano, recoñeceu a anexión en 1981 por parte de Israel do territorio ocupado a Siria dos Altos do Golán e pechou a representación diplomática dos palestinos en Washington.

Regalo a Netanyahu

A nova decisión do Goberno dos EUA tamén -ou principalmente- serve para dar folgos a un Benjamin Netanyahu en horas baixas. O primeiro ministro en funcións de Israel, que non tardou en manifestar a súa satisfacción dicindo que «corrixe un erro histórico», ten varios frontes abertas. O seu posto á fronte do Executivo corre perigo despois de non ser quen de formar Goberno despois das eleccións ao Knesset (parlamento unicameral israelí) do 9 de abril deste ano. 


Netanyahu, presidente do Likud (partido na dereita conservadora), prometeu na campaña anexionar grandes porcións de Cisxordania, abortando así definitivamente a solución dos dous Estados. Ademais, afronta unha posíbel imputación por tres casos de corrupción. 

O rival político de Netanyahu negocia un Goberno en minoría coa apoio da coalición de partidos árabes 

Tras a repetición das lexislativas o 17 de setembro, é agora o ex xefe militar Benny Gantz, o seu principal rival político e líder da coalición Kahol Lavan (Branco Azul, situada no centro liberal), o que negocia un Executivo. Este sería en minoría e contaría co apoio da coalición da Lista Conxunta (de ideoloxía de esquerdas), da que fan parte os catro principais partidos de maioría árabe do país. 


Gantz, ao respecto da decisión dos EUA, dixo nun tweet que «o destino dos asentamentos debería ser determinado por acordos que conxuguen a promoción da seguridade e a promoción da paz». Netanyahu, pola súa banda, agoirou que a consecución dun Goberno liderado por Gantz co apoio dos palestinos da Lista Conxunta «celebraríase en Teherán, Ramala e Gaza». O prazo das negociacións para Gantz remata esta cuarta feira.

Comentarios